domingo, 21 de novembro de 2010

Da cadea infernal que te tortura.



Cabeza de alazán, corcel de escuma
Da recua cabalar do gran Neptuno,
Da fenda da fontana, onde o tribuno
Cabalga, cabaleiro, en branca bruma.

Encabeza a cordada, acada e rube,
Da trenla, os alazáns polo aire puro,
Cobizaso pastel, pasto seguro
Da pradeira eternal que resga a nube.

Alazán celestial, cabalgadura,
Bon corcel, acredita a cabalgada,
Alborexa, sagaz, sublima a escea,

Bon corcel, acaudilla esa mesnada,
Cabaleiro cabal, corta a cadea
Condena terrenal que te tortura,

E a competir cos anxos pola altura.

(Rioderradeiro)

(Rioderradeiro)

sexta-feira, 19 de novembro de 2010

Pintosilgo reflectiu sinfonía


  Pintosilgo, tenor, con tal quentura,
cantou baladas tan divinamente,
tirou de trilos tan devotamente,
que lle asestou tres tiros á tristura.

  Pintosilgo asentoulle esa man dura
ao corpo do delicto subxacente,
mortificou doenzas propiamente
con arpexios e escalas da cordura.

  Pintosilgo, cantor, desde o loureiro,
apuntaloulle á peza compañía:
prendidos de alfinetes, co gaiteiro,
a frauta, unha zanfona, e o pandeiro.

  Para argallar ruadas a porfía,
arranxou de memoria a melodía…

  Pintosilgo reflectiu sinfonía
no pautado papel do seu regueiro.

           (Rioderradeiro)



terça-feira, 16 de novembro de 2010

Alentos de bubela na cantiga.

Ficheiro:Hoopoe100.JPG
File:Bubela, Noalla.jpg
(P. Lameiro)




Alentos de bubela na cantiga.
____________

Pastor de signo e soño de bubela,
Pastor de lances do trobar antigo,
¡Como me lambes chagas, raparigo!;
¡Como iluminas, cego, a miña estrela!


¡Canto cheirume a insecto, a primavera,
A poldro montaraz que vai comigo!
¿Quen embebeda en mel o meu castigo?,
¿Quen encanta o meu pranto e me tolera?


Polo visto, o meu soño vai cantando
Onde soñan cigarra e mais formiga,
E morrendo na praia, e preguntando


Polo labio do sol que non  fatiga.
¡El non vén de pescar! Sigue entoando
Alentos de bubela na cantiga.


(Riderradeiro)




Illustration de La Cigale et la Fourmi


sábado, 13 de novembro de 2010

Polas perlas do NÓS que me coroa.

Da man deste misterio, dúas perlas;
Nas perlas, TI no EU, que te intercalas
En  min, para impostar o NÓS; recalas
E atrincheiras no alfoz onde interpelas.

Nas trincheiras do NÓS, a dúas velas,     
Velar armas -EU-TI- desenvaiñadas;
Por remendar no NÓS, reconciliadas
Nos mastros e timón, dúas subelas.

Subelas, enfiade o vento á proa;
Agarra, bergantín, ben na marea;
O soño mariñeiro vén preñado

Dos teus -que son meus- pasos sobre area,
Á ribeira, mallante, derivado
Polas perlas, o NÓS que me coroa

Dun "ego" que me afinca, e que me afoga.

(Rioderradeiro)


quinta-feira, 11 de novembro de 2010

...en torrencial tormento me soterras.

Con sepulcral silencio non te asomes…
¿Por que, en calada voz, tanto me aterras
E en torrencial tormento me soterras
Se te invoco e te vas polos cen nomes?

Se te chamo outra vez, ¿por que te escondes?:
¿Por que se esconde en min a túa esencia?,
¿Por que se esconde en ti a miña ausencia?,
¿Por que, sendo os dous un, non me respondes?

Para arrincar temor tan escondido,
Non atopa a razón camiño aberto;
Lacera ao corazón o cruel latido

Que envelena a razón na que diserto;
Non logra ao corazón, por mal concerto,
Mil meigallos sandar, por mal sentido.

Con sepulcral silencio non te asomes…
¿Por que, en calada voz, tanto me aterras?,
Se te invoco e te vas polos cen nomes;

¿Por que, sendo os dous un, non me respondes,
E en torrencial silencio me soterras?

(Rioderradeiro)