sábado, 6 de outubro de 2012

De que han fuxir polo atasco.




Non nos deas máis a lata
Con esa mostra baleira,
Fotocopia a conserveira,
Paga, pega en alpargata,
Porque a sapiencia é barata…

Fai campaña en promoción,
Fala cos do botellón
Para enlatar a faena,
Amontoa, arma, envelena,
Que se anime o gran follón…

"Sel"…, "Leocadia"…, ¡centellas!,
Mareadas as botellas
Co cheiro do longueirón,
Proa na pel picazón
De refregarse as parellas…

Non nos deas máis latón,
Saca as sardiñas do casco,
Defende ofertas sen frasco,
Confía en confirmación
De que han fuxir polo atasco.

 (Rioderradeiro)



Que o tempo ben papa arresto.



  Estas son fabas contadas,
emulando ao caracol,
á porta, tomando o sol
coas barrigas preñadas.

  Vexo cabaces trenzados
con paciente artesanía
lucindo vimbios trabados
en primorosa harmonía.

  Máis fabas caben no cesto
que de vello está comesto
por destemplada intemperie;

  Veñan fabadas en serie,
que a fame confunde presto,
antes que o ventre se altere

  E que o corpo desespere,
que o tempo ben papa arresto.

 (Rioderradeiro)


terça-feira, 2 de outubro de 2012

Co seu bastón por catana.

Toma as notas no xornal
Para aforrar na libreta;
De zurdo escribe, interpreta:
-¡Insurrección cantonal..!

Mete a trote en carabina
Palabras sen calzador:
Ben precisa un extintor
Para encalmar gasolina.

Din que en galego lusista,
Con retranca loureana,
Crea, recrea, reencana

Credo revolucionista;
¡Vive Deus!, se se despista
Na tenda, por tarambana…

Que escude o cu con badana
Cando Milagros llo asista
Co seu bastón por catana.


 (Rioderradeiro)



Devolve ao mar tempo mozo.


  Con traxe de presidiario,
a vela co vento vén;
parece que lle convén
á driza o ton carcerario.

  Non lle presta ao calendario
un vendaval con cortina;
pixama a raias culmina
en porto, no relicario.

  Peirao..., fóra aloumiños,
espido o mastro de aliños,
truncado o seu alborozo,

  Sen remos, sen aquel gozo,
sen azos, no calabozo,
eivada a luz dos camiños...,

  Desbordando aos adiviños,
devolve ao mar tempo mozo.

(Rioderradeiro)



domingo, 30 de setembro de 2012

Se cantan polo bebido.

                                          (Alfonso Pouso)


¿Quen vén sendo este cuarteto?
¿Por que están tan abrigados?
¿Quen bebe dos disecados
Mencía coma un cateto?

¿Por que o mostacho un gordete
Arrufa de medio lado?
¿Por que debruza escorado
A estribor tralo sorbete?

¿Queres saber canto importa
De canto foi requerido?
Redondel, punto e seguido

En Pitís, porta con porta;
Paga outra rolda en Sahorta
Se cantan polo bebido.

 (Rioderradeiro)