terça-feira, 4 de novembro de 2008

ÍA POLO MAR ABAIXO.

[Lancha_Mazarico_Restaurada_Manuel_Lestón.jpg]
(http://singraduradarelinga.blogspot.com/2006/12/)

  Esa lanchiña do xeito
ía polo mar abaixo:
roubáralle o vento a vela,
e a vela arrincoulle o mastro
onde o mar quixo escondela.


  -Coitada lancha do xeito,
miña lanchiña gaiteira,
canto cobizas a túa ribeira!



  Esa lanchiña do xeito,
de nobre carballo feita
por destra man carpinteira,
amañeceu, quilla ao pairo,
entre Vilano e Fisterra.



  -Coitada lancha do xeito,
miña lanchiña gaiteira,
canto cobizas a túa ribeira!



  Ía polo mar abaixo:
Falta a xente da cuberta…,
nin na tilla…, nin no rancho…,
e o mar non deu razón dela!
Cómpre acreditar no tempo..!



  -Coitada lancha do xeito,
miña lanchiña gaiteira,
canto cobizas a túa ribeira!




  Cando o mastro vexa o día
e pregunte pola terra,
eu penso que ha reclamarlle
o seu tributo á marea,
e o mar, como sempre fixo...,
purgará a súa conciencia.




  -Coitada lancha do xeito,
miña lanchiña gaiteira,
canto cobizas a túa ribeira..!


  Coa tripulación, o mastro, e a vela!


(Rioderradeiro, Vigo, 23/06/05)


Resultado de imaxes para: LANCHAS DO XEITO

Sem comentários: