terça-feira, 4 de novembro de 2008

No bico de Monte Louro



  No bico de Monte Louro
plantei o meu corazón,
bandeira a frotar no vento,
mastro senlleiro, maior,
dun grande barco de vela
ancorado no solpor.


  Polo sur vén Corrubedo;
a par da proa, O Neixón...,
A Roda, O Facho e A Insua
mantéñense en comunión
co meu navío sagrado,
(onde mora a devoción
dos ancestros parroquianos,
loureanos de nación),
envexa de riatelos
e gareteiros do Son.


  Cando emprenda a travesía,
cando endereite o timón
rumbo ós dourados infindos,
-Pazos de dormir o Sol-,
para navegar tranquilo,
quero, por tripulación,
uns mariñeiros veciños,
cofrades do Caldeirón,
expertos, nos Tres Saltiños,
practicantes da inmersíón,
nadar na casca da auga,
de “resolgo” e a pulmón...,


  Desde o limpo ata o escuro,
facendo esa exhibición
con testemuñas expertas
nas Artes da Natación,
en pórse cu para riba,
-en bolas, sen bañador-,
amosando esa gaitiña,
vermiño triste e sen voz,
por mor de estar enrugada
do salitre e o arneirón,
pouca boroa na casa,
e de carne, nin ración...


  Quero, pois, xente probada
no sufrimento peor;
que navegar polo infindo
no che é unha broma, non!


  Rompe amarras, Monte Louro,
adiante, e a polo Sol,
antes de que o roube a noite,
co seu bocado traidor,
pra nos deixar desnortados
ao pairo do perdedor!


 No bico de Monte Louro
plantei o meu corazón...
.........................................


(Rioderradeiro)


Sem comentários: