quarta-feira, 21 de agosto de 2013

Da folla á calcomanía



Verde, ben se pode ver,
planta botada a perder;
con esta fotografía
resaltas mercadoría
-mazaroca ao parecer-
que o bo senso ha de esconder,
pois a moral debe ter
con candado a plusvalía,
non poxar a regalía,
non propalar puntería
nin disparar a pracer;
porque produce ardentía
e propaga  padecer
no manacial do querer;
porque causa unha avaría
desleigado acometer,
debruzante fantasía,
-o pé de millo ao poder!-;
anda recibo en deber
da folla á calcomanía.


Machismo de porcaría,
pola cara, malmeter.


(Rioderradeiro)


terça-feira, 20 de agosto de 2013

e rexistrado na Lúa.




Como astronauta flutúa:
Por mor da présa ou do estrés,
plantou bandeira ao revés
e na bandeira puntúa
que é de Muros, como ves,
que está versado no inglés,
e rexistrado na Lúa.


(Rioderradeiro)


Da homilía PParroquial.



Devora en folla mundial
Esperanza relatorio,
o Rajoy orixinal
tira da barba-envoltorio
o plumeiro ou rePPertorio
da homilía PParroquial.


(Rioderradeiro)


segunda-feira, 19 de agosto de 2013

Que non é touca ou toalla


Que non é touca ou toalla
nos dous cumes  pioneira,
nin  tampouco  borraxeira
competente  pola talla;
carda algodón de primeira
esta nube  silandeira,
virtual e sobranceira,
de ilusionismo en baralla
que, polo visto, é pantalla;
condesación tan lixeira,
de verán, faina a peneira
por renegar da poalla,
do orballo, chuvia  guerreira
do tempral cando atalla,
do vendaval cando malla
sen compaixón na ribeira;
é tan bestial na batalla
quen no estío algodoeira.


(Rioderradeiro)


domingo, 18 de agosto de 2013

Marabillosa, a flor



Marabillosa, a flor
pende dun fío,
anel fráxil,
sutil;
a ensoñación resume
na bóla de alcanfor,
funambulismo puro,
moeda de apostar,
cordón umbilical
no gume
dun puñal
ben ponderado.

Que lazo celestial,
que  alfanxe terrenal,
quen move  o capital
dun corte tan seguro?

(Rioderradeiro)