domingo, 3 de outubro de 2010

O capital a Xesús.

Non se redimiu da cruz

Esta humana natureza,

Nin desterrou a pobreza,

Mais acredito a certeza:

Na cruz cravoulle a cabeza

O capital a Xesús.

(Rioderradeiro)

sábado, 2 de outubro de 2010

Son as canles do amor, canto preciso.


No celme esfarelante dun arpexo,
Onde o corcel devece as harmonías,
Conxugarei nun intre asimetrías
Cando o sentir esvare no desexo;

Pola dourada pel do teu latexo,
Purificar ardente as ardentías;
Consumirá o  lumeiro as atonías
Cando probe o sabor do sacrilexio.

Se devoro a mazá que máis cobizo,
Afondo na raíz do meu pecado,
Bebo voraz caudal acrisolado

Na sede de volver ao paraíso
Por mor de alimentar o meu coidado:
Son as canles do amor, canto preciso.

(Rioderradeiro)
SAM_1560.JPG
SAM_1563.JPG

quinta-feira, 30 de setembro de 2010

Non queimes, corazón, no lume alzado.



Abrir rocha e portal por ese abrigo,
Abrollar candeal lumeiro inzado,
Embriagar de augamel…, sacrificado
Fornecer na ferida a flor do trigo.

Semente de recendo o fogo amigo,
Ceifa de salvación do sementado,
Morte en resurección do acrisolado
Funil do corazón polo poxigo.

Testigo vai e vén polo entramado
A empurrar e a pulir o canto aceso.
Non cometas, razón, malaventuras;

Non cegues, manancial, luz do universo
Coa aldraba do honor sacramentado;
Con meigallos de lei, por decontado,

Contradiccións de amor non as depuras
Na linguaxe en sazón das imposturas:
Non queimes, corazón, no lume alzado.

(Rioderradeiro) 


terça-feira, 21 de setembro de 2010

Discurría ben cos pés.


Quen, de reollo, ti ves
de floreiro nun garaxe,
polos rueiros de Taxes,
discurría ben cos pés.

(Rioderradeiro)

sábado, 18 de setembro de 2010

Comprace o corazón do mar de fóra.


  A luz que esgaza a treu polos coídos,
a sarta de arneirón que engarza a pedra,
pontifical tiara que embebeda
refachos de ilusión polos sentidos.

  Refachos de candor embranquecidos,
ese lagarto arnal polas devesas,
sarampelo ancestral das mil cabezas,
retablo de toxais ennobrecidos.  

  A luz maior, revolución da vela,
navega nun corcel pola marola,
adiviña o pincel a lei do día,

  Dá palabra de honor á primavera,
nos retallos do sol sacia a ardentía,
comprace o corazón do mar de fóra.

(Rioderradeiro)