quinta-feira, 5 de agosto de 2010

O vendaval perpetra en cen costados.

                          (Foto: Benirroxo)


  Coma víbora vil, veleidosa e perversa,
adianta, amosa o vento a catadura;
avanza o vendaval, e brinca, e brúa,
e rompe corazón á primavera.

  O vendaval tén présa e non relea,
o vendaval proclama a mala uva,
o vendaval propende á mordedura,
o vendaval posúe a chave arteira...


  De desatar en tromba un pulo airado,
por incendiar en nós mal pensamento,
desencadea Eolo alento aciago;

  Pavoroso empurrar polo tormento,
esnaquiza sen dó; o mar, por dentro,
dá estocadas triunfais cos seus tornados:

  O vendaval perpetra en cen costados.

          (Rioderradeiro)

quarta-feira, 4 de agosto de 2010

Eu son onte, e mañán: Frecha, e Cupido.

 
¿Embeleces, amor, co punto, e coma..?
¿Envelleces, ardor, sen harmonías?
¿Envelleces, sentir, sen celosías?
¿Embeleces, sufrir, penas e glorias?

Coroe o corazón sen par coroa
De ouro e diamantes, prata: Monarquía
Do teu reinar no meu querer, Raíña,
Quero asinalo en tempo e forma, ¡agora!

Agora -un tempo e forma regalados-,
A vellez acrecenta os seus legados;
Por remozar, relé o papel vivido.

¿Mañán será un un soñar indefinido?
¿Mañán será un serán enamorado?
Eu son onte, e mañán: Frecha, e Cupido.

(Rioderradeiro)


sexta-feira, 30 de julho de 2010

Franciscano fervor pola Mahía.



"coincidiendo con el encuentro anual de los ex-alumnos del convento franciscano de Herbón, que se celebra mañana (día 31), está prevista la plantación del ejemplar que le falta a la pareja de palmeras datileras que hay en la huerta del monasterio y que desapareció en la década de los años 50, según informa el botánico Carlos Rodríguez Dacal. Con esta plantación se continúa la tradición iniciada por Juan Rodríguez de la Cámara o del Padrón, fraile de Herbón, que hacia mediados del siglo XV trajo los primeros ejemplares de Tierra Santa. Después de más de medio milenio en el convento, estas palmeras figuran en el catálogo de árboles monumentales y únicos de Galicia."(Voz de Galicia)


Franciscano fervor pola Mahía.
________

Unha fonda saudade aquí me trae;
De corazón, percorro este camiño;
Son palmeira ancestral, no seu destino,
En comuñón cos meus irmás, os frades.

Polas campás, convoca Bastavales;
¡Padrón!, conversa o Ulla cos veciños;
Con pementos, con pulpo, cun bo viño,
Bautizan convidada cen cofrades.

Xa soa a vella gaita feiticeira,
Xa amistou, polo val, con Rosalía,
Xa repasou a historia con Murguía,

Xa peregrina Herbón a Compostela,
Xa os colexiais retoman a bandeira:
Franciscano fervor pola Mahía…

 (Rioderradeiro)




quinta-feira, 29 de julho de 2010

O corazón lanzal da nosa LINGUA


  Cabal cabalga o Miño cabaleiro
polo ronsel azul do noso emblema,
cinco puntas de lanza fan dilema:
pegada, selo, historia e mais luceiro.

  Galopa Breogán desde o Cebreiro.
Esta patria irredenta é vinculeira:
ten alma, corpo, brazos...; ten bandeira;
as mans que han de termala, puro aceiro. 

  Quen non vive este amor non se decata
da vileza que aldraxa e se sublima.
Quen non sinte o país non se autoestima
na causa nacional de vella data.


  Somos GALIZA, a NOVA e maila ANTIGA:
o corazón lanzal da nosa LINGUA.


             (Rioderradeiro) 




quarta-feira, 28 de julho de 2010

novelo infatigable



  












  Ser e non ser; logo, recomenzar…
sermos algo ou alguén imaxinario,
e devolverlle á fonte o seu galano,
auga que endexamais pode tornar.


  Somos só corpo ou somos só un pensar,
patéticas pantasmas, espantallos,
entes no espectro dun papel pautado
ou leixapréns, cantigas de refrán?


  Vivir é fenecer tódolos días:
morrer e renacer noutra mudanza;
por recuar, o tempo corre, avanza…


  Novelo infatigable en xira-xira,
o seu fío tece, destece, e cala
a radical sabenza sobre a vida.

                         (Rioderradeiro)