terça-feira, 29 de junho de 2010

Implanta amores no río



  Implanta amores no río
a filla de Xan Vicente,
ela, tan doce e decente,
leva a puntada consigo,
sementa na canle o trigo,
afinca na entraña o dente,
non repara na corrente,
tira de faixa e de fío,
engaiola ao señorío…


  Á vista de toda a xente,
a filla de Xan Vicente
implanta amores no río. 
    

       (Rioderradeiro)



_

segunda-feira, 28 de junho de 2010

... e pasa a conta ao seguro.




Memoria dun luscofusco,
Era segrel de secaño;
Dun arco de medio punto,
Apreixouno o calendario
Nas follas do prontuario.

Apredeu dun arte culto
A monodiar “canto llano”;
Co celo dun arcediano,
Tiroulle ao salterio o gusto
De afacerse ao gregoriano.

Esmolas para o bandullo,
Con degoiro de goliardo,
Para recadar peculio,
Latricaba un espartano
Beberaxe de esconxuros.

-Recanto do medio duro-
Traza o crego  un signo mago,
Tremelique o ente escuro,
Peche a boca o mal falado,
Purifica o corpo impuro.

O diaño, por teimudo,
Paga o latín ao contado,
Fai mudanza de prestado…
E pasa a conta ao seguro.

(Rioderradeiro) 

domingo, 27 de junho de 2010

Escribir versos sen alma.


   Zugarlle o zume á laranxa
desde a tona ata a pebida;
pola gorxa, en avalancha,
devorar fogo en bebida…

  Percibir nesa xogada
-a carta espada brandida-
que, antes de afincar, propaga
máis secura reprimida…

  Por que as rosas preferidas
medran en roseiras bravas?:
chucharlle o pelexo á espiña,
fincarlle o dente á rapina…

  Por apostar todo á nada,
perder no naipe a partida:
escribir versos sen alma…

  Quen che mandou, laranxiña,
confiar na boca en calma !?


      (Rioderradeiro)
-

sábado, 19 de junho de 2010

Canta volta o mundo ha dar!

Fileteado Tango Martiniano Arce II.jpg

                (*)

  Ai!, coitada bailarina,
canta volta o mundo ha dar!
              
               (**)

  Debuxa en baile a valía
naquel papel de fumar;
o romance ben sabía
os pasos do seu bailar…

              (***)

  Dopada con naftalina,
raptouna o galán, cubriuna
cunha bóla de cristal;
esgazada unha cortina,
reliquias de pedestal,
solitarios na vitrina:
un zapato en purpurina
e unha prenda clandestina,
trofeo de bacanal, 
coma bocado carnal,
coma unha flor feminina
que atesoura o capital
do pecado orixinal
perpetrado na cantina.

            (****)

  É portada de postal,
é viñeta nunha esquina.

            (*****)
    
  Debuxa en baile a valía
naquel papel de fumar;
o romance ben sabía
os pasos do seu bailar…

           (******)


  Ai!, coitada bailarina,
canta volta o mundo ha dar!



        (Rioderradeiro)

Resultado de imaxes para toulouse lautrec ballerina
Henri de Toulouse-Lautrec 

segunda-feira, 31 de maio de 2010

Se me chamades árbore,


                    
   



               (*)








… que somos coma as árbores..!




Quen o dixo primeiro?;




quen llo escoitou, deu creto




e propagou por ecos?











… que somos coma as árbores..!




Quen o escribiu, por certo?;




que lei deste universo




retorceu tan dereito?











… que somos coma as árbores..!,




dunha peza, senlleiros:




ti, carballo?; eu,  freixo?;




aquel, rexo piñeiro?

                            





             (**)












  Coido que somos conto,




pois soñamos no espello.




  Coido que somos  corvos,




pois vestimos de negro.




  Coido que  somos orfos,




pois quedamos sen “e(r)go”.




  Coido que somos xordos,




pois falamos por xestos.

          





             (***)












… que somos coma as árbores..!




Ulo seu fundamento?









… que somos coma as árbores..!




Que coñazo de invento!










                 (****)












  Se me chamades árbore,




chamádemo en secreto.












    (Rioderradeiro)