terça-feira, 4 de novembro de 2008

ÍA POLO MAR ABAIXO.

[Lancha_Mazarico_Restaurada_Manuel_Lestón.jpg]
(http://singraduradarelinga.blogspot.com/2006/12/)

  Esa lanchiña do xeito
ía polo mar abaixo:
roubáralle o vento a vela,
e a vela arrincoulle o mastro
onde o mar quixo escondela.


  -Coitada lancha do xeito,
miña lanchiña gaiteira,
canto cobizas a túa ribeira!



  Esa lanchiña do xeito,
de nobre carballo feita
por destra man carpinteira,
amañeceu, quilla ao pairo,
entre Vilano e Fisterra.



  -Coitada lancha do xeito,
miña lanchiña gaiteira,
canto cobizas a túa ribeira!



  Ía polo mar abaixo:
Falta a xente da cuberta…,
nin na tilla…, nin no rancho…,
e o mar non deu razón dela!
Cómpre acreditar no tempo..!



  -Coitada lancha do xeito,
miña lanchiña gaiteira,
canto cobizas a túa ribeira!




  Cando o mastro vexa o día
e pregunte pola terra,
eu penso que ha reclamarlle
o seu tributo á marea,
e o mar, como sempre fixo...,
purgará a súa conciencia.




  -Coitada lancha do xeito,
miña lanchiña gaiteira,
canto cobizas a túa ribeira..!


  Coa tripulación, o mastro, e a vela!


(Rioderradeiro, Vigo, 23/06/05)


Resultado de imaxes para: LANCHAS DO XEITO

FLOR DA CAMPÍA






FLOR DA CAMPÍA

___________________



Miña flor da campía,
No sei como te chaman;
Dime o teu nome axiña,
Necesito a palabra.


Necesito a palabra
Para dicirche miña,
Logo de escriturala
No rexistro da vila...


No rexistro da vila;
Que non veñan roubarma
Vulgares roubavidas
De flora e fauna...


De flora e fauna...:
Ladróns das catro esquinas
Locais e planetarias,
Acochados na fila


Das xentes cándidas...


Miña flor da campía,
Regálame a palabra
Para dicirlle miña
Á túa alma.

(Muros, 4-7-05)

MORTE.

MORTE.
___________________________


Preme na noite
O derradeiro alento fuxidío,
Preme,
Esgaza en mil anacos
No furado saco do tempo...



Noitebra a esbarar nos misterios
Do eterno esquecer...



E a pregunta:

¿Agromará noutras vidas
Este alento cativo?


(Anos 90)

MULLER CON PIPÍ

MULLER CON PIPÍ
__________________________


De todo canto oín,
O mellor disparate,
A muller do pipí
Batendo un chocolate.


(11-3-06)

No bico de Monte Louro



  No bico de Monte Louro
plantei o meu corazón,
bandeira a frotar no vento,
mastro senlleiro, maior,
dun grande barco de vela
ancorado no solpor.


  Polo sur vén Corrubedo;
a par da proa, O Neixón...,
A Roda, O Facho e A Insua
mantéñense en comunión
co meu navío sagrado,
(onde mora a devoción
dos ancestros parroquianos,
loureanos de nación),
envexa de riatelos
e gareteiros do Son.


  Cando emprenda a travesía,
cando endereite o timón
rumbo ós dourados infindos,
-Pazos de dormir o Sol-,
para navegar tranquilo,
quero, por tripulación,
uns mariñeiros veciños,
cofrades do Caldeirón,
expertos, nos Tres Saltiños,
practicantes da inmersíón,
nadar na casca da auga,
de “resolgo” e a pulmón...,


  Desde o limpo ata o escuro,
facendo esa exhibición
con testemuñas expertas
nas Artes da Natación,
en pórse cu para riba,
-en bolas, sen bañador-,
amosando esa gaitiña,
vermiño triste e sen voz,
por mor de estar enrugada
do salitre e o arneirón,
pouca boroa na casa,
e de carne, nin ración...


  Quero, pois, xente probada
no sufrimento peor;
que navegar polo infindo
no che é unha broma, non!


  Rompe amarras, Monte Louro,
adiante, e a polo Sol,
antes de que o roube a noite,
co seu bocado traidor,
pra nos deixar desnortados
ao pairo do perdedor!


 No bico de Monte Louro
plantei o meu corazón...
.........................................


(Rioderradeiro)