AS AVOAS.
______________
As avoas parten tan cedo..., pero deixan pegada sempre indeleble na alma do neno que en nós queda.
_________________________________________________
sexta-feira, 7 de novembro de 2008
quinta-feira, 6 de novembro de 2008
.- O GATO.

O gato.
O gato?
O gato..!
**
O gato,
solitario animal
que me alimenta as ansias
de eterna compañía.
***
O gato,
un desleal doméstico
que me rabuña a calma,
porque esquece as caricias?
****
O gato,
sete vidas son moitas
para unha soa vida.
*****
O gato,
xa me abrolla o desdén
pola infecta ferida.
******
O gato...,
sempre o gato,
e, sen embargo, ingrato,
tesme a alma cativa.
(Rioderradeiro)
quarta-feira, 5 de novembro de 2008
SERÁN CON VELOSO.

SERÁN CON VELOSO.
________________________
Cos seus salmos e cantigas,
As augas do Arenteiro
Na procura do Ribeiro
E as vellas cepas amigas...
Elas, sempre milagreiras,
Preguntan polo casal
Onde mora o meu colega
Antón Veloso Mosquera,
Bodegueiro principal.
Ribeiro de treixadura;
Morre o solpor no vilar.
Con un ¡viva! á fermosura...,
Remata a nosa aventura.
Feliz remate ó serán.
Bodegueiro principal,
Antón Veloso Mosquera,
Pra min, amigo e colega,
E desde hai ben tempo,“irmán”.
_____________________________________
PASOS VOU DANDO.
NO CARNAVAL DA PICOTA

(Wikipedia)
No carnaval da Picota
cantou meu curmán Rosendo;
ceibou tamaño aturuxo,
e, co aturuxo, un recendo..!
Replicoulle a Manoela
na franqueza do cantar,
e non probou co aturuxo
por mor que ao aturuxar...
Desaxustes do xustillo,
e a penda que en baixo está
proclamaran amnistía
de tanta “ventosidá”,
A gaita do fol das tripas,
por sorte, sabe tocar
a muiñeira dos ventos
con mudanza medieval...,
Leixaprén, paralelismo
das cantigas de refrán,
onde o amigo e maila amiga
bordan tal choromicar...,
Á beira dun mar ou río
-marco de "fogosidá"-,
despois da noite pasada
na esmorga do Carnaval:
Fartadela de castañas,
viño acedo, temperán,
-arde o eixo, carballeira!-,
de testemuña, a mañán...
Canta fartura nos bicos!
Canta presteza nas mans!
Canto aloumiño nos ollos!
Canta fame no demais!
Desde que este mundo é mundo,
cando o home botou a andar,
puxo ao pé da partitura
cando se pode tocar.
Se os ventos que a gaita sopra
deviñesen vendavais,
de seguro que a harmonía
deixase de harmonizar...,
E Rosendo e Manoela...,
pois..., tivesen que liscar:
dous cans co rabo entre as pernas
que veñen de escorrentar...
Manoela e mais Rosendo
-a pernada é pola vella-,
noiva quenta ao cura a cama
mentres o noivo retella.
Moralismo parroquial:
verde secreto de orella,
de boca en boca, a parella
-lume!-, Facundo ao final:
Catarse de funeral,
que o Santo Oficio encerella.
(Rioderradeiro)
(Wikipedia)
Subscrever:
Mensagens (Atom)