terça-feira, 21 de outubro de 2014

Que o recibir sen dar xa rematara.


  A semente ficou como enclaustrada
en Vilares, fogar, tan de repente;
foi a terra eficaz, o recipiente
camposanto, saial, fin de acampada.

  A semente afincou profundamente
na soidade feroz que me espreitaba;
dura ausencia de ti; non a esperaba,
galopante, incivil, profusamente.

  A semente afirmou que xa cumprira;
imposible asumir que ela partira;
non fun quen de aceptar que me deixara.

  Non fun quen de aprender que se esfumara
egoísta vivir que antes vivira,
que o recibir sen dar xa rematara.

   (Rioderradeiro)















(Vilares, Louro)

domingo, 14 de setembro de 2014

Aquela tarde voltabas.


Antonio Rey‎.-"Aquela tarde de xaneiro voltaba con Antonia de Amira e 
puiden coller esta foto de San Xián de Torea-Muros. Saúdos dende lonxe."



  Aquela tarde voltabas
con Antonia, costa arriba;
por mor do tempo, apurabas
a memoria en carne viva.

  Altiva a flama da tea,
da propia carne a torcida,
eras cadea e candea
sobre a conciencia prendida.

 Quixera o diaño tentarte,
deixarte, ANTÓN, á deriva,
pór no teu REIno estandarte
de baleira alternativa.

 Non quebrantou o baluarte
unha bandeira abusiva.

 
       (Rioderradeiro)

segunda-feira, 25 de agosto de 2014

Versos temperamentais.


      Cómo separar a dos perros que se pelean?   
   
  Versos temperamentais
empurrados sen mesura,
estrofas con mordedura
encirrada por demais.

   Diferencias persoais
disparan temperatura,
chanta a rabia dentadura
libre de cargas fiscais.

   Sedentos de abeberar,
coma mastíns desbocados,
os seus caninos cravados
no torrente xugular.

  No torrente xugular
mil rancores renovados... 



  (Rioderradeiro)

terça-feira, 3 de junho de 2014

Que na carne mortal fora delito

Statue En Bronze D'une Ballerine Sur La Plage De Mogren Budva ...

  Eterno feminino en pasarela,
o relampo de luz reverdecido
no tobogán da mente enfebrecido,
esvarando pendente sen cautela.

  Eterno feminino en acuarela,
retórica de raio repetido,
fortificada a frecha de Cupido
con deslumbrante audacia de doncela.

  Eterno feminino. Canta euforia,
condecorado ardor desenfreado,
a devecer atallos da vitoria
perpetrando a pincel puro pecado!

  Eterno feminino. Ardente grito
que na carne mortal fora delito

(Rioderradeiro)

sábado, 31 de maio de 2014

Cun corazón cortés, de contrabando.


                                (Foto Rioderradeiro))

  Tráenme abrazos teus, coma recargo,
remorsos de pecados clandestinos;
teñen os bicos teus sabor amargo
e veleno letal coma asasinos.

  Leo nos labios teus o meu letargo
e négome a aceptalo e a combatilo;
exprópiasme o sentido por embargo,
expúlsasme de propio domicilio.

  En que mundo habitar? Con canto enxeño
pode un necio existir? Como me chamo?
Quen son agora entón? Por que reclamo?
A que porta petar? Falta de empeño...

  A vida este xograr foina inventando
cun corazón cortés, de contrabando.
   
       (Rioderradeiro)
















(Wikipedia)