quinta-feira, 2 de maio de 2013

Epicuro é boa xente,




Epicuro é boa xente,
non fixo mal a ninguén
inculcando a cadaquén
como armar mente con dente.

(Rioderradeiro)


sexta-feira, 26 de abril de 2013

Véselle ao mozo o plumeiro.

                                                                                                                                         

"Chapeu e gabán escuro,
xesto cómplice, sorriso
-a falar claro-, remiso,
discípulo de Epicuro."
................................
(Manuel M. Caamaño)

  Véselle ao mozo o plumeiro:
Para engalanar a idea,
sobre cachola, corchea;
dun adival prisineiro,
o seu chapeu sobrancea.

  Sobrancea o seu sombreiro
en función de cheminea,
cobexa croca, avanea,
coma corvo largarteiro
de vixía e de albacea.

  Albacea ao pensamento,
por se expresar devanea,
engaiola o sentimento;
se puider zarpar no vento,
perderlle aprezo á cadea...

 (Rioderradeiro)



terça-feira, 9 de abril de 2013

Como convén á utopía.


"Erame yo muy viejo y ordinario
y, como en estos versos se comenta,
en el día de hoy cumplo noventa
y por lo tanto soy nonagenario".
..............................................
(Manuel da Roura)
http://farinaefarelo.blogspot.com.es/

                           

  Madureceu. Que consello
dimana desta figura!,
como desprende finura
que, en puridade, é vencello!

  É maior. Quen dixo vello
ignora que cos noventa
atesoura e fundamenta
vivir de costas ao espello.

  Son moitos anos -diría
o pesimista, por vicio-;
por que ha deterse o rodicio
co gran da sabiduría?

  Faciana nobre; é patricio
-fermenta o crono empatía!-;
Manuel da Roura, propicio
a abandeirar xentilicio…; 

  Que nos convén a utopía.

             (Rioderradeiro)


segunda-feira, 25 de março de 2013

O meu pe(n)sar opresivo.



  Tódalas cousas que fixen
unha tras outra perdín
por se burlaren de min
desprezando canto as quixen.


  Tódalas as cousas que dixen,
fundamentadas na fe,
fóra da pel, quen as ve,
por alusións, cando aflixen?


  Para divagar derivo,
que o rastro da pena proe
no cerne; tanto me doe
a percepción de estar vivo!


  Pula caudal, privativo,
move este rodicio, roe,
preme na moa, opresivo...

  Que o meu pensamento moe.



                           (Rioderradeiro)



sexta-feira, 22 de março de 2013

Revela truco algún tolo?




  A forza da corrupción
nace de aceptar que todo
-por tradición, moda e modo-
pode atopar acomodo
onde a trastenda compón
tea de araña á razón
e unha benda ao corazón
para adobar protocolo:
carto, regalo, centolo,
beneficio e bendición.

   Labra apetencia o ladrón?,
lava conciencia o birollo?,
revela truco algún tolo?
Preguntas de "a patacón".

  Respostas que non recollo.



             (Rioderradeiro)