segunda-feira, 14 de maio de 2012

goza o teu soño indixesto..!


  A razón de non querer
pasar pola túa porta
só me atixe e non che importa
se a prefiro padecer.

  Pois son quen de apetecer
namoramento sufrido,
linda causa é, reprimido,
privarlle á sede beber.

  Brindes ao sol, sendo honesto,
escribín no manifesto
que tire a mesa o mantel,

  Que lisque a lúa o seu mel
ben na gaiola, ou nun cesto,
no faiado poñer presto;

  Xa apostrofei no papel:
-Malpocado Caravel,
goza o teu soño indixesto..!


                         (Riderradeiro)



domingo, 13 de maio de 2012

Ti triunfarás, linda estrela


  Onde estás ti todo é festa:
Quixo Deus, que ama a valía
e a malgastar non se apresta,
multiplicarche alegría.

  Quizá, por fin, risa honesta,
en vendo a túa harmonía
como de fada en floresta,
floreza en min algún día.

  Se cadra porque babexo
cos ollos con que te vexo,
non podo verte máis bela;

  Son o máis fiel centinela
para afastares perigo,
e sempre da man, testigo,

Ti triunfarás, linda estrela,
e o meu corazón…, contigo.

(Rioderradeiro)



sexta-feira, 11 de maio de 2012

De Adán, no Edén, cociñeiro.


Sestea o serán no azul,
Mais, como remata todo,
Traspasa a espada ese apodo,
Corpo servido..., e gandul.




Andan dicindo, papá,
Polos rueiros contando
Que o demo vai propagando
Conversación con mamá
Cando o limón foi, pecando,
Reconvertido en mazá. 


Prospecto do limoeiro
Pendurado dun cordón,
Noutra póla, retranqueiro,
Triplica interpretación
E reforza a confesión
Do cítrico verdadeiro
Que folla, por tentadeiro,
Como de/mostra o botón,
Preso en trama o tropezón
Compracente aventureiro
Ver/decente en corazón,
Orixina pracenteiro
Un pecado vinculeiro:
Puxou fervente o limón
Na maceira en conversión
De Adán, no Edén, cociñeiro.


Chouta Adela e chanta Aimar,
Tamén chouta Micaela,
Coma o limón que ao chantar,
Chouta no leito unha estrela,
Micidade a rebuldar:
¡Árdelle o eixo! ¡Can/dela…!





Sestea o serán no azul,
Mais, como remata todo,
Traspasa a espada ese apodo,
Corpo servido..., e gandul.



(Rioderradeiro)


segunda-feira, 7 de maio de 2012

No corazón vellouqueiro.


Beber a sede encirraba
Á fonte que repetía
Máis lume en piromanía
Do que o namoro enxergaba.

Beber a sede entrañaba,
Abeberando sequía,
Ter sedenta teimosía
De combustión que entregaba.

Desta maneira adiviño
Como has conformar, mociño,
Rebuldeiro en alborada,

Fermento en fogo artilleiro,
Tecida gula en lumeiro
Boca a boca en labarada,

Bebendo sede implantada
En corazón vellouqueiro.

(Riderradeiro)



quarta-feira, 2 de maio de 2012

MUROS leal, sen cancelos,


  Pensouno en Valdexería,
consultou con MonteLouro;
para investir tal tesouro,
levantou MUROS na ría.

  Quen puxo a pedra non quixo
no corazón pór muralla,
só resumir na medalla
dos muradáns canto fixo:


  Rúas de nomes pomposos
en rueiros portentosos 
na humanitaria; primores!

  Canta Oroso e Cruz de Pelos,
canta Baño e Miraflores,
campo de Cortes…, cantores!:

  Nobre, leal, sen cancelos,
MUROS triunfal, sen castelos!

                               (Rioderradeiro)