quinta-feira, 9 de fevereiro de 2012

que te hei capar co cortante




  Provoca “o mellor amante”
na propaganda abusiva
ofensa ben agresiva
en disfunción importante.

  Pois non deixa alternativa
quen, de forma despectiva,
polo cartaz insultante,
agravia en caritativa...


  Falo que, inflado, levante,
xuro por Zeus, contrincante,
que te hei capar co cortante
dunha barbeira abrasiva.

  Sen barbeito e con secante,
serás vergallo... en cal viva,
eunuco sen perspectiva,
un linguateiro, farsante...

  Cabaleiro delirante,
por activa, e por pasiva.


       (Rioderradeiro)

terça-feira, 7 de fevereiro de 2012

.- Ter DOMINGOS DOSIL por argumento (IN MEMORIAM)



  Correndo estás, amigo, a gran altura
polo ronsel da estrela afervoado,
correndo vas, amigo, abandeirado
dunha mellor Galiza en máis ventura.

  Correndo estás, amigo, sen mesura
nin mentes de conter paso cansado,
correndo vas, amigo, apresurado
por empurrar estrela en singradura.

  Como a firmeza en ti foi valentía,
como a paixón, fulgor do pensamento,
como o traballo en ti foi fundamento...

  De lealdade, en fin, que convencía,
vexa Galiza en nós, por simpatía,
a grandeza estelar do teu alento:

  Ter DOMINGOS DOSIL por argumento
dunha Patria a vencer, por gallardía.

                       (Rioderradeiro)




segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

Denego porque estou cego.














   Anque, para o caso, vivo, 

coma imputado, en prisión, 
acaudillo represión 
sobre rival redivivo. 

  Anque ese adival activo, 
presidiario abusador, 
cultivo en cárcere a dor 
da espada libando olivo. 

  Acaso porque me entrego 
á fuga de encadearme, 
rebelde escravo, a ligarme 
ao meu propio desapego..., 

  Non me empeño en denudarme 
nin tampouco en disfrazarme;
desdeño porque denego,
denego porque estou cego,

  Cego de autoanalizarme...

no alter ego. 


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 3 de fevereiro de 2012

Egocéntrico en perigo...


Verdadeiro mentirán,
resolutivo inseguro,
son claro sombrizo escuro,
traballador lacazán...

E son tantos seres nun,
no subconsciente son tantos,
tantos son os meus recantos,
sen que me encadre en ningún...

No retablo dun altar,
para moderno algo antigo,
porto portal con postigo:

Véxome, á vez, reformar
en santo desaforado
e de demo disfrazado...

Contrito a me reforzar,
son desa estirpe a fartar,
cun periscopio no embigo...,

Egocéntrico en perigo,
con pretensión de pensar
que non debato comigo.



(Rioderradeiro)




quarta-feira, 1 de fevereiro de 2012

É, no vivir, arder constantemente.


  Ai, corazón!, monarca en montesío, 
proclive a se abrasar para saciarse; 
ai, corazón!, sedento ao desbordarse, 
beba do teu querer máis manantío. 

  Estás en min coma forno na casa, 
estou por ti coma o caudal no río, 
estás por min labrando en largacío,   
estou en ti rebelde sen ter causa. 

  Estás de cote en min, a cada hora; 
estou doente en ti, porque me altero 
cando me queima o sol da túa aurora. 

  Cándido albor!, mima o meu mal crecente; 
pensar en ti prodiga desespero; 
é, no vivir, arder constantemente:

  É lapa, é combustible, é comburente.



             (Rioderradeiro)