quarta-feira, 23 de novembro de 2011

dá tristeza criminal.



Non debería a postal
beber da cova ardentía,
que a vileza onde avalía
dá tristeza natural.


Quixo esta dor criminal
gozar da triste alegría;
máis tristeza compartía
co pecado orixinal.

Para ben e para mal, 
cravar un cravo na rumba
e implantarlle a voz da tumba
ao corazón como aval.



Non debería a postal
beber da cova ardentía,
que a vileza onde avalía
dá tristeza criminal.


(Rioderradeiro)


(Rioderradeiro)

terça-feira, 22 de novembro de 2011

Conforme co fragor, interferindo.



Proba esta tez do vento, que é ramaxe,
A nube desvelando a mala cara;
Ninguén sabe se empurra ou se dispara
En vaga invertebrada na paisaxe.

Ninguén sabe intención desa oleaxe
Que inflama e medra onde inventara
A chama de fogón cando repara
No lume pedernal doutra liñaxe.

A flama sobrevive derramando,
Por onda discordante derretindo,
A nube a desalmar reconvertindo

Na desleigada voz do vento airando
Que infiel solfa infernal foi transferindo;
Firma fortalecer configurando...

Conforme co fragor, interferindo.

(Rioderradeiro)



Fose miña a túa vida



http://beminvitados.blogspot.com/
Foto: b.s. / Kerala-India.2001
                     

Fose miña a túa vida 
en fértil pel sementada;
fose o tempo esa fornada
no corazón compartida;

fose a carne peneirada
polo matraz, derramada
polo cartaz, derretida;

fose, que fose apurada,
na pedra lar consumada,
con tal fervor consumida;

fose, que fose asumida
como unha flor, conformada,
transmutada, transferida
e noutra pel transportada.


(Rioderradeiro)


,

segunda-feira, 31 de outubro de 2011

A cabalgar no azul coma luceiro.



Sentirte así, por mor do mar, na ronda
De Perceval de nave tan senlleira;
Comerlle o corazón sacral á onda
E proseguir labrando a propia leira.

Vivir así, manter raíz ben fonda
Que refugue enfundar fatal fronteira;
Ser rede, e caracol, tea redonda
De tecido afincado en sementeira.

Sentirte así, no ardor, tan combativo;
Manterte así, colmado a corpo enteiro
Referendo outonal correlativo;

Vivir así, máis Miño en máis Cebreiro,
Almirante de alfoz, fiel carcereiro
Do circo da paixón máis abrasivo:

Amor de mar, corcel corporativo
A cabalgar no azul coma luceiro.

(Rioderradeiro)


terça-feira, 25 de outubro de 2011

MontELouro, ¡en farol!, con valentía.


Vento de orballo vén buscando guerra
E recae en rochedo e señorío,
Compromete cartaz de montesío;
Por forza, en convulsión, falando, aterra.

Debruza proa, rebota, persevera,
Abronca, brama, abruma en mar bravío,
Ciscalla escuma, expande labrantío,
Fervorosa e febril, a nave é fera.

¡Milagre!: Un ceo azul torna galante
Co reinado da luz o seu semblante;
Convence ao bergantín, que xa velea

-Puro compás- prudente, a por badía,
Abeirar de babor: Pule a marea
MonteLouro, ¡en farol!, con valentía.


(Rioderradeiro)