terça-feira, 28 de junho de 2011

Ardente, así, na flor da floritura,



Ardente, así, na flor da floritura,
Pola clave de sol do veraneo,
A bóla de alcanfor pule himeneo,
Flamante en resplandor de singladura.

Potente, así, na luz de excelsa altura,
Órbita cenital de impar paseo,
Na moeda estelar colmada leo,
Concordantes no altar, xenio e figura.

Ardente, así, por canle que entrevera;
Potente, así, por sangue que se altera,
Inflada, así, en sazón, fragancia apura,

Bela flor de serán -vella envoltura-,
O nectar estival que desespera
Por berce maternal, que é sepultura.


(Rioderradeiro)


sábado, 25 de junho de 2011

A ofrenda en combustión cando alucina.

    (Rioderradeiro)

  Chega o verán: calor que desespera
neste tramo inicial de vella andanza.
Xuño estoupou: consumouse a mudanza
de recargar con sol máis primavera.

  Chega o verán: delirio que xa impera
de abrente ata serán; nova esperanza,
encarnando ouropel e contradanza,
alanca a treu no tren dunha quimera.

  Chega o verán: un tempo que vacina
a condición humana de incerteza;
Xuño é viral: no matraz da impureza,

  Probar de corazón a medicina…
por ti, verán!, rebentarlle a nobreza
á ofrenda en combustión cando alucina.



 (Rioderradeiro)


(Rioderradeiro)

sexta-feira, 24 de junho de 2011

Esquece o canto cruel da cruz da tarde.



  Bela, pura, flamante en colorido,
fuches, vida, tan linda, primorosa;
enxordeces de fada vaporosa
expulsada do Edén polo estoupido.

  Un festín de pracer tan encendido,
fuches, vida, nun tempo, tan ditosa;
palideces en min, perla preciosa,
quebrantada en xardín tan florecido.

  Zuga da veta, vida, que aída hai vela
na faísca de luz que aínda arde;
fréalle o carro ao sol, que se retarde...
na malva-rosa astral da miña estrela.

  Consello convincente, non covarde: 
amárrate ao timón da carabela,
esquece o canto cruel da cruz da tarde.


          (Rioderradeiro)



quarta-feira, 22 de junho de 2011

Porque te abre en canal cunha ganzúa.




  Por ser mendaz, fanfarra e cacatúa,
muíño a remoer e pan de ausencia,
encanta virtual con tal potencia,
porque te abre en canal cunha ganzúa.

  Por non ter mans, nas mans da mente actúa;
ave rapaz, fecunda impertinencia,
xoga no andar, artella inconsistencia,
fonde en falacia esa potencia súa.

  Arma voraz, no soño sempre apura;
arma inveraz, a fame nunca a cura;
arma vivaz, fermento da palabra.

  Pinta sabor en verso cando labra
místico matinar:-Abracadabra!

-Ábrete, portalón, paso á loucura...,
prisioneira en poder da túa cor/dura!

                              (Rioderradeiro)


segunda-feira, 20 de junho de 2011

En cruz solar, fronte ao Cabo Fisterra.

Fervenza do Ézaro 17IV2014 02.jpg
(Wikipedia

  Pousa talón, impulsa con tal brío,
que llo espeta no pé ao Pindo aspado;
torrencial e fervente, afervoado,
debruza sobre o Ézaro albedrío.

  No mar maior, que desmemoria río,
rende -tronchada canle- desleigado,
na inmenside azul descabalgado,
todo o caudal tributo en señorío.

  Cóbrega, linda serpe desangrada,
mil lóstregos de ardor lanza encrespada;
na pel do mar, preso en literatura,

  Xa o Xallas, consagrado na escritura
do gran Neptuno, onda tridente aferra
en cruz solar, fronte ao Cabo Fisterra.

           (Rioderradeiro)