quinta-feira, 9 de junho de 2011

Roldana que enrola en frío.

Archivo:Cuculus canorus.jpg
(Wikipedia)

(Wikipedia) 


  Engorda a madeixa en frío,
pula a tarefa empurrando,
porfía a corda apurando
roldana que enrola o fío.



  Amosa o sol sobre a ría
un debruzar barbanzano,
sementa o vento tirano
un vendaval de ardentía.

  Santificar insolvencia
nunca sobre espello vin
nin tampouco apercibín
inmaculda impaciencia.

  Se, cuco, empoleiras niño
sen pegas, ou con fianza,
ladino pagas confianza
da purga, cuco, cuquiño.



  Roldana que enrola o fío
porfía a corda apurando,
pula a tarefa empurrando,
engorda a madeixa en frío.


(Riderradeiro)


 
(Wikipedia)

quinta-feira, 26 de maio de 2011

Compás de marear, rosa imantada.


  Mimosa, fronte ao mar, cingue de albura
a prezada altivez cando engalana;
tributa en celestial, campante, ufana,
inflamada de luz, preme na altura.

 Inflamada de luz, presa, e segura,
fala, na robustez, responde, humana;
non logra comprender cando, louzana,
torna, no ornamental, de sepultura.

 A rosa, caravel que a tempo activa,
altiva e, con razón, desconfiada,
pregúntalle ao solpor pola deriva;

 A rosa, sen saber, vai de arribada
a bordo dun batel; devén cativa
dos remos da ilusión, engaiolada,

 compás de marear, rosa imantada.


 (Rioderradeiro)



sábado, 21 de maio de 2011

Evocada en arpón coma unha espada.





  Senlleira a nave, a proa remendaba
a plenitude en mar que pervertía;
senlleira a nave,  adversa percorría
malversando a paixón que procuraba.

  Senlleira a nave, o vento rebentaba
máis designios do azar que travesía;
senlleira a nave, en vaga estremecía
a verga de babor cando apuraba.

  Senlleira está, sen vela, desvelada
no pranto en leixaprén dunha cantiga,
a nave, en furacán desenvaiñada,

  Afincado o perfil coma unha intriga,
senlleira e seminal coma unha espiga,
evocada en arpón coma unha espada.


(Rioderradeiro)





sábado, 14 de maio de 2011

No teu tear do existir.


Não sou nada. Nunca serei nada. Não posso querer ser nada. À parte isso, tenho em mim todos os sonhos do mundo.... Frase de Fernando Pessoa.
                                 
                                           (Remedando, con devoción, a Fernando Pessoa)


  Fernandoduro insistir,
en permanente campaña;
endexamais foi fazaña
pactar, pensar..!, sen porvir.


  Enreixando o teu vivir,
preme -compulsión de araña-
un trasno de mala entraña,
antitético elixir,
que semella ser maraña
do teu tear do existir.


                 ****

  Plantar no verso beleza,
partir sen verbo a persoa..!;
un vate, con gran braveza,
habitaba en Ti, Pessoa.
    

       (Rioderradeiro)

sexta-feira, 13 de maio de 2011

Abriga a chama viciosa.


Abriga a chama viciosa,
No celme, sen cortesía,
Esa paixón caprichosa,
Contumaz, sagaz, melosa,
Do corazón tiranía,
Que é tallante en teimosía
Na proposición en prosa.


Ningunha pena que sande
Percorre senda escabrosa
Por flama que inflada expande;
Pula a pena primorosa,
Por moito que a prenda abrande
Da proposición máis grande,
Abriga a chama viciosa.


(Rioderradeiro)