Senlleira a nave, a proa remendaba
a plenitude en mar que pervertía;
senlleira a nave, adversa percorría
malversando a paixón que procuraba.
Senlleira a nave, o vento rebentaba
máis designios do azar que travesía;
senlleira a nave, en vaga estremecía
a verga de babor cando apuraba.
Senlleira está, sen vela, desvelada
no pranto en leixaprén dunha cantiga,
a nave, en furacán desenvaiñada,
Afincado o perfil coma unha intriga,
senlleira e seminal coma unha espiga,
evocada en arpón coma unha espada.
(Rioderradeiro)
Sem comentários:
Enviar um comentário