terça-feira, 2 de novembro de 2010

Mensaxeira estelar na flor do soño.



  Como te atreves, Sol, a darme as horas,
se sabes que das horas vén collido
o tempo de vivir comprometido
co tempo de matar a luz nas sombras?


  Como te atreves, Sol, que me devoras,
a acreditar calor no meu baldío?;
por que forzada lei cortas o fío
e tornas a enfiar? Por que me asombras?

 
  E, sen embargo, Sol, eu sempre espero:
outra aperta, outro adeus, outra mirada;
bolboretas,  meu Deus! -solpor medoño-


  Ou!, candil daquel lar que tanto quero:
máis arrolos de nai, cantos da fada
mensaxeira estelar na flor do soño.

(Rioderradeiro)


sexta-feira, 29 de outubro de 2010

...vou de arribada.




  Sinto aberto o costado á sementeira
da cruz e do calvario escarnecido;
sinto a chama do fogo enfebrecido
galopar polo peito sobranceira.


  Sinto a vela, do vento compañeira,
velear polo mar do meu sentido;
sinto o mastro, coas frechas de Cupido,
dispararme, sen tregua, ata a ribeira.


  Coa reverencial sombra certeira,
enrumbo o corazón pola encalmada
paisaxe divinal, tan pracenteira;


  A fe de profesar fe verdadeira
acredita no Ser que me acompaña;
no seu reino o meu reino rende espada;


  Como lle hei de chamar trala campaña?,
Adonai?, ou Hashem..?, de que maneira..?,
-Meu Deus!-, Alá?El Shalom?, "Causa Primeira"?

          (Rioderradeiro)

segunda-feira, 25 de outubro de 2010

Sempre, vermella ou murcha, a rosa gaña.


  A rosa, que escintila, entorna a saia,
demuda a tez de cando foi doncela,
e cambia, e murcha aquela cara bela
coa palidez do tul cando desmaia.

  Canto aquel amencer que tanto asombra;
canto comparecer, tanta mudanza;
canto o seu demudar, tanta esperanza;
canto ese encrequenar, tatuando alfombra.

  Atesoura a corola unha ferida
na rosa de algodón cando engalana
de peregrina luz que vai vencida;

  Á rosa en velatorio consumida,
ás portas do solpor que se empantana,
ofrécelle o serán campa cumprida...

  Na roseira do mar, que é soberana
dun novo alborexar en nova vida:
sempre, vermella ou murcha, a rosa gana.

        (Rioderradeiro)


sexta-feira, 22 de outubro de 2010

Con meu pai, miña nai: Santa Compaña!



 Por me alcanzares, pai, chamas ben duro:
por me dicir mellor canto me importa,
petas polo aldabón da miña porta,
sen as trabas mortais,  falas seguro.


 Por me arroupares, nai, traes, de apuro,
un divino elixir que reconforta,
bálsamo en corazón que me reporta
en ti resucitar no amor máis puro.


 Ai, meu pai!, miña nai..!, que comenencia
de me amparar en vós na cruel campaña
de envellecer coa pel do mal de ausencia!


 Ai, miña nai!, meu pai..!, canta clemencia
se me a/gardase o gume da gadaña
con meu pai, miña nai: Santa Compaña!


               (Rioderradeiro)


terça-feira, 19 de outubro de 2010

Contaminar a rosa o meu poema.



Primaveral a luz engaiolada,
En fresco enraizada na figura,
Presto pincel pintara sen pintura
Nos pétalos da rosa perfumada. 

Primaveral a rosa en luz galana
Dos cravos e da cruz prenda segura,
Presto pincel prendido en galanura
A se inmolar no cáliz, soberana;

Os teus pétalos, rosa, son diadema
De atar e desatar pola angostura
Dos sépalos a prol dunha patena,

Son un canto floral á fermosura
E relanzos de ardor dunha alma en pena;
Probado está o amor con máis loucura:

Contaminar a rosa o meu poema.



(Rioderradeiro)