quinta-feira, 7 de outubro de 2010

Do profundo do amor pende a incerteza.

A pena dá máis dor.  Pula o tormento
Na procura de acougo. A pena activa
Percorre máis tenaz polo lamento;
Non morre o mal maior, porque se aviva

Como aviva o estertor na chama altiva,
E brinca, e corre, e salta e chanta asento,
Inflamada de seu, libre, e cativa.
¡Canto cativas ti, cruel sufrimento!

Esperanza que fai queima e oprime,
Por promesa falaz que non redime,
Tanto alenta no mal pola fatiga,

Que morre por nacer de nova intriga;
Laberíntica voz ponlle a tristeza:
Do profundo do amor pende a incerteza.

(Rioderradeiro)

quarta-feira, 6 de outubro de 2010

Non tés corpo nin lei: Duras mentiras.

Temor, enfebrecido no meu soño,
Afondas criminal as vellas chagas;
Cando embelecas, tempo tan medoño,
Brillan na miña pel as túas dagas.

Empeño o corazón en canto poño,
Resucito sen ser cando me apagas,
Das faíscas da dor non me repoño;
É vengativo o mal con que me pagas.

Cargo na fonda alforxa ese secreto,
Pola  imaxinación medra indiscreto,
Coma unha nota vil polas escalas.

No ollar con que te miro non me miras,
No falar que te falo non me falas;
Non tés corpo nin lei: Duras mentiras.

(Rioderradeiro)

terça-feira, 5 de outubro de 2010

Picada de alacrán que te namora

  Amante alporizada xa novela
na luzada do amor, que é fuxidío;
temón leva na man, coma albedrío,
tesoiras de entallar o mar na vela.

  Amante cose, e fía, e fai subela
coa rella de enrellar o teu navío;
amante troca amor no señorío
de lle cortar a luz á túa estrela.

  Se amante vai, e vén, e incerta mora
na indeleble pegada do teu niño,
camaleón cabal, cando te adora,

  Vampiro do teu ser no seu camiño,
picada de alacrán que te namora,
se implanta a lei do cuco no aloumiño,

  Direi, por Deus, meu ben:-en mala hora..!

(Rioderradeiro)



domingo, 3 de outubro de 2010

O capital a Xesús.

Non se redimiu da cruz

Esta humana natureza,

Nin desterrou a pobreza,

Mais acredito a certeza:

Na cruz cravoulle a cabeza

O capital a Xesús.

(Rioderradeiro)

sábado, 2 de outubro de 2010

Son as canles do amor, canto preciso.


No celme esfarelante dun arpexo,
Onde o corcel devece as harmonías,
Conxugarei nun intre asimetrías
Cando o sentir esvare no desexo;

Pola dourada pel do teu latexo,
Purificar ardente as ardentías;
Consumirá o  lumeiro as atonías
Cando probe o sabor do sacrilexio.

Se devoro a mazá que máis cobizo,
Afondo na raíz do meu pecado,
Bebo voraz caudal acrisolado

Na sede de volver ao paraíso
Por mor de alimentar o meu coidado:
Son as canles do amor, canto preciso.

(Rioderradeiro)
SAM_1560.JPG
SAM_1563.JPG