quinta-feira, 24 de maio de 2012

De almirante, o timón do teu navío.


  
  Así foxe das mans, moi manseliña,
esta ilusión que di ser doce dama
que sementa amencer e que derrama
retallos de candor cando acariña.

  Desilusión constante e sibilina
dicta, para o teu mal, outro programa,
fite en fite, frontal, fíre, difama,
esfarela fulgor, pon fin, fulmina.

  Se nas alas do tempo, ai!, retornases
para envolver na canle o mesmo río,
ben puideses borrar por labradío

  Engurras que na pel non reparases,
e na carne inmortal recuperases,
de almirante, o timón do teu navío.


                         (Rioderradeiro)



quarta-feira, 23 de maio de 2012

Do manancial da muiñeira.

(Rioderradeiro)

(Wikipedia)

  Pendurade aires tristeiros,
labregos e mariñeiros,
xentes da terra e do mar,
relevade aos devanceiros,
Galiza rompa a cantar,
degoire en gaita grileira,
grave danza tecedeira,
labre a perna o seu tecer,
libe doncela ao beber
do manancial da muiñeira.

  Do manancial da muiñeira,
de ruada na ribeira,
as parellas a compás,
aturuxos, alalás...


  Repenique de campás:

Romaría mariñeira.


         (Rioderradiro)

(Rioderradeiro)
(Wikipedia)

sexta-feira, 18 de maio de 2012

Cargado de acontecer.



  Ai!, na cara, o mar da risa,
ai!, na estrofa en pé quebrado,
corazón desabrochado
polo botón da sonrisa.

  Ai! do si e mais do non,
ai! do teu soño dourado
polo peloxo encoirado
a proscribir a ilusión.

  Ai!, que apreta tempo frío,
ai!, que desborda acotío
o baleiro do esquecer,

  Ai!, canto costa aprender,
ai!, navegar sen navío,
desnortado en mar bravío,

  Cargado de acontecer.

                    (Riderradeiro)




terça-feira, 15 de maio de 2012

De campaña en corpo esquivo.



Neste altar onde te miro
Debruza o meu pensamento
Para lle dar fundamento
Ao mirar co que te admiro.

Recobra alento o suspiro
Que me serviu de alimento
E rescato o sentimento
Da sensación do respiro.

Na pura fe redivivo,
Para mellor desexarte,
Tributo ao teu baluarte;

Por quedar libre e cativo,
Regando a rosa obsesivo,
Devezo por abrazarte;

Coutar ardor nun ser vivo
É servir baixo estandarte
De campaña en corpo esquivo.

 (Riderradeiro)



segunda-feira, 14 de maio de 2012

goza o teu soño indixesto..!


  A razón de non querer
pasar pola túa porta
só me atixe e non che importa
se a prefiro padecer.

  Pois son quen de apetecer
namoramento sufrido,
linda causa é, reprimido,
privarlle á sede beber.

  Brindes ao sol, sendo honesto,
escribín no manifesto
que tire a mesa o mantel,

  Que lisque a lúa o seu mel
ben na gaiola, ou nun cesto,
no faiado poñer presto;

  Xa apostrofei no papel:
-Malpocado Caravel,
goza o teu soño indixesto..!


                         (Riderradeiro)