sábado, 15 de setembro de 2012

HOMENAXE A DOMINGOS DOSIL CUBELO.


DOMINGOS DOSIL CUBELO: IN MEMORIAM

________________________________
 
  
  A flor do corpo murchou,
quen tan firme florecera
non deixou de ser quen era
cando en mudanza marchou.

  Con dignidade e grandeza
terra barbeita labrara,
con coraxe recalcara
que está o valor na cabeza.

  Paradigma en decisión,
exemplo de gallardía,
tivo cabal corazón;

  El con constancia atopou
valor na minusvalía,
e abordou soberanía,

  Que polo Bloque acadou,
desde a cadeira, a Alcaldía.



  Fora o silencio testigo
dun pensamento que atara,
foras ti sempre ese abrigo
de arroupamento sen tara.

  Se puider ser, meu amigo,
terte outra vez cara a cara,
volverte a ver rescatara
a fe que se foi contigo.

  Falou febreiro co frío,
escribiu de présa o drama,
desenrolou desvarío...

  No teu corpo a mala trama,
a febre apagouna o río
que en vendo mar te derrama.





  Xa te alcanzou, amigo, en mala hora,
precisión de reloxo en dura espada;
xa te feriu a morte en alancada
que se abalanza e se alza en vencedora.

  De milicia, no alén, andas agora,
ergueito e ben lanzal, en cabalgada;
cobexa, capitán, a labarada
da febre de vencer que nos devora.


  Cando tocou vivir deches a talla,
cando tocou sufrir fuches, sedento,
beber do manacial do propio alento

  Para afrontar mellor outra batalla.
Eis DOMINGOS DOSIL, brasón, medalla
da tarefa común con fundamento!

  Como doe a traizón!; canta pantalla
profana branca-azul no pensamento!

(Rioderradeiro) 

  



4 comentários:

Manoli disse...

Nunca tanto estiven contigo, coma dende que te fuches, no pensamento, no corazón, no baleiro, na desesperanza, no sorriso, nas bágoas e na ialma.... segues moi presente, cada día, cada hora, cada minuto e segundo... porque hai amigos que deixan unha pegada tan fonda, que nin a bravura coa que azouta o ar, pode estragar os lazos que fortalecen as liñas da amizade.... Foiseme contigo a palabra, a definición, a capacidade de análise... a soidade acompáñanos gran parte do camiño ate o fin, máis contigo ese camiño, foi moito máis produtivo e levadeiro que agora.... acostumarse a non che falar, a non che ver, a non che escoitar é tarefa que nunca se verá cumprida..... porque aínda che sinto, aínda escoito o teu berro de soidade, o teu sorriso retranqueiro, a túa ansia de compañía, o teu medo encuberto, a túa valentía, coraxe, a túa loita incansable ... aínda che sinto moi perto.... porque os que che queremos non podemos afastarnos do teu coñecemento, da túa obra, do teu patriotismo e a túa ansia por mellorar o futuro, a túa inquedanza segue sendo a nosa .... cando che sigo visitando, os monólogos son fríos e desalentadores... seguimos ao teu carón, e seguramente ti ao noso.... non sabes canto me emociona e me doe ter que dicir, ata sempre AMIGO, nunca deixarás de selo..... porque non pensei que o ata sempre estaría tan próximo.....

RIODERRADEIRO disse...

O teu marabilloso comentario, Manoli, é coma para non lixalo con outro comentario; porque as palabras túas deben ser respectas na súa literalidade, en silencio. E agradecelas.

Apertas.

bemsalgado disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
bemsalgado disse...

de Mercedes Sosa, "para que todos te escoiten, cántalle á tua aldea"

Como ti estas a facer, como Domingos, á sua maneira, exemplarmente fixo.

Uma aperta.