Pintosilgo, tenor, con tal quentura,
cantou baladas tan divinamente,
tirou de trilos tan devotamente,
que lle asestou tres tiros á tristura.
Pintosilgo asentoulle esa man dura
ao corpo do delicto subxacente,
mortificou doenzas propiamente
con arpexios e escalas da cordura.
Pintosilgo, cantor, desde o loureiro,
apuntaloulle á peza compañía:
prendidos de alfinetes, co gaiteiro,
a frauta, unha zanfona, e o pandeiro.
Para argallar ruadas a porfía,
arranxou de memoria a melodía…
Pintosilgo reflectiu sinfonía
no pautado papel do seu regueiro.
1 comentário:
Non vaisas "piar" tarde, tes que deleitarnos cun libro Manuel Maria, tes que publicar O !!!!
Enviar um comentário