quarta-feira, 5 de novembro de 2008

A CANCIÓN DO XUBILADO














(NAS FOLLAS DO CALENDARIO).
________________________________


  Ser vello non é pecado.
É pecado envellecer
non sendo quen de aprender
cando un sorriso, ao teu lado,
nas redes do seu engado,
cativou o teu querer:

  -A nenez do xubilado.



  Non é pecado ser vello
nin é tampouco doado;
pois nun instante sagrado,
que non reflicte o espello,
o corazón namorado
esconde o maior segredo:

  -A nenez do xubilado.



  Ser vello non é pecado,
e ata poida que, ao revés,
vivir por segunda vez
a vida coma regalo
sexa pracer reservado,
culminación na vellez:

  -A nenez do xubilado.



  Non é pecado ser vello.
E poderei demostralo,
entre bocado e bocado,
coas benzóns do ribeiro,
santificador probado
optimista e argalleiro:

  -A nenez do xubilado.



  Badaladas a soar,
ergo, xa mediado o día,
exemplo de gallardía:
lidar, lidar e lidar
nas artes do vaguear,
sempre a mente panza arriba,
para volver a empezar,
se mediase a valentía
de non me querer deixar
no nirvana que me aniña:
comer, dormir, pasear,
na miña casa estorbar
desde o salón á cociña,
e, ao son dunha musiquiña,
os acenos de a bailar
a correr con maestría
pola miña fantasía
de bailador contumaz,
argadelo en rebeldía
que se vén de xubilar…
do vicio de traballar,
non da vida:

  -A nenez do xubilado,
revivir no recordado
as follas do calendario.


(Rioderradeiro)


2 comentários:

Tuco disse...

catorce anos, ainda son poucos, asi que polo cheque esperemos pois a mente xa esquece o cando o donde mais o canto que cada vez e menos, apertas Manuel Maria

Anónimo disse...

Fermosa visión da nenez do xubilado