sábado, 2 de setembro de 2023

PEPA SESTAYO

Pedestal, Muros-Coruña..! ________________ Vivaz, reivindicativa, poliédrica mensaxe, proposición, maridaxe descarnada, en carne viva. Aquel florete-pincel quixo esgrimir, na linguaxe do corazón, a coraxe das mulleres sen cuartel. Certamente, atesourou talismán por testemuña: talante con quen tratou, talento no que compuña... Feminismo de plantel nunha dama con cartel... Pepa Sestayo trunfou: pedestal, Muros-Coruña..! (Rioderradeiro)

quarta-feira, 24 de maio de 2023

CARREXO COMICIAL: Tan piadosos, tan divinos..!



Tan piadosos, tan divinos..!


************************




Cariñosos, tan servís,
carreteiros, tan ladinos,
tan piadosos, tan divinos..!


Anda a dereita a pedir
esmolas ao proletario;
co sangue do seu salario,
serve a zurda o reprimir.


Pon o centro a confundir
vítima con vitimario;
faciana de santulario,
hisopo de competir...


Sinecuras ben xentís,
cabaleiros clandestinos,
calibrando os seus caninos,
baixo palio, xabarís.

Cariñosos, tan servís,
carreteiros, tan ladinos,
tan piadosos, tan divinos..!


(Rioderradeiro)

domingo, 26 de fevereiro de 2023

Santo remedio asasino!




Brava punción enrabecha

o meu corpo asilvestrado,

o meu sangue ensarillado

pola paixón dunha mecha.



Abriu Cupido unha brecha

colosal no meu costado,

corazón convulsionado

destinatario da frecha.



Como o diaño é ferino

e chanta os dentes decote,

cumpre atizarlle garrote

de desdentar ao ladino.



Pois é estilete intestino,

rematoo con estrambote:



Santo remedio asasino!






(Rioderradeiro)



sábado, 25 de fevereiro de 2023

CUMPRES, COMO CUMPRE Á FLOR

Cumpres, como cumpre á flor

perfumar cando é preciso.

Dache o corazón permiso

para desprender amor:

perfume de paraíso.



(Rioderradeiro)


quarta-feira, 28 de dezembro de 2022

- A Maruxa Silva García, benquerida curmá, IN MEMORIAM

   



  Partiu, cal tiña vivido,

sen perseguir a riqueza,

sen agardar regalía

dun Edén, dunha Utopía,

consontes co ser nacido.


  Non sublimou a pobreza

nin a vestiu de enteireza,

coma ideal de partido.

Si, profesou a nobreza

de se abrazar co oprimido.


  Non traizoou, non roubou,

non se humillou, non parou

-tivo esa cabal certeza,

fundamental fortaleza-

de loitar coma é debido:


  MARUXA SILVA, firmeza!, 

o teu valor preferido.


    (Rioderradeiro)