quarta-feira, 28 de dezembro de 2022

- A Maruxa Silva García, benquerida curmá, IN MEMORIAM

   



  Partiu, cal tiña vivido,

sen perseguir a riqueza,

sen agardar regalía

dun Edén, dunha Utopía,

consontes co ser nacido.


  Non sublimou a pobreza

nin a vestiu de enteireza,

coma ideal de partido.

Si, profesou a nobreza

de se abrazar co oprimido.


  Non traizoou, non roubou,

non se humillou, non parou

-tivo esa cabal certeza,

fundamental fortaleza-

de loitar coma é debido:


  MARUXA SILVA, firmeza!, 

o teu valor preferido.


    (Rioderradeiro)

segunda-feira, 16 de maio de 2022

Do corazón dolorido.

       


 Do corazón dolorido.

*******************
A vaga rouba da area
o corazón debuxado,
o cozón traspasado,
de socate transplantado
no peito dunha serea,
pola frecha de Cupido.
No peito dunha serea
sen patria, sen apelido,
sen pe(n)sar no percorrido
dese ir e vir que solfea
no balbordo da marea
o corazón dolorido.
O corazón transferido
pola frecha de Cupido..!
(Rioderradeiro)



terça-feira, 20 de abril de 2021

Sae ao campo Xesús, dunha alancada,





Sae ao campo Xesús, dunha alancada,
cobizoso febril da fermosura,
adiviña á torcaz na arquitectura
da floresta, do río, da quebrada.
Sae ao campo, empurrando a madrugada,
o Fidalgo, sen galgo e sen montura,
atravesa regatos na espesura,
cazador sen carcás, sen espingarda.
Vén do campo; regresa, presumido,
ateigado de luz, de ecoloxía,
coa flor máis pequena e máis prezada
prendida do pincel da regalía.
O pertinaz do Suso anda metido
en replantar na Corte a Fonsagrada,
que é susbstrato mental, limpa pegada.
(Rioderradeiro)


quarta-feira, 24 de fevereiro de 2021

Parabéns!, SESENTA E SEIS..!


 Brindando ao tempo propincuo,
vir ben labrada a feitura,
chegar a idade madura
legando os sesenta e cinco.

  Seres, señora, discreta,
tirar de folgos secretos,
gozar de fillos e netos,
teres a prole completa.

  Respectada nos "pixéis",
belida flor, rexe, rega
fragrancia que non renega 
de se expresar nos pinceis.

  Cumpres, francesa..., e galega 
-bicos abondos, na entrega-,
parabéns!, SESENTA E SEIS..!



(Rioderradeiro)




quarta-feira, 30 de setembro de 2020

Van os meus bicos de proa!

 


  Ti dis que os mellores bicos
danse con lingua argadela;
confrontados cos tres picos
de secaño, e con cautela,
son caudalosos, conspicuos,
son pecadentos, oblicuos,
son de cine, e de novela.
Que perigoso é metela
e confiar noutra boca
que ata ao falar se equivoca,
co marisco e coa broa,
de palabra e de persoa,
e, sen embargo, a bravura
rompe no claustro a cordura
con, "verbi gratia", a fartura
máis linguateira: a da loa. 

  Lingua Galega, armadura,
firme peana, e coroa,
no teu padal, na quentura,
van os meus bicos de proa!


(Rioderradeiro)