sábado, 28 de março de 2020

CORONAVIRUS -canseira!-

Los mejores memes que deja el coronavirus

  
  Na trincheira do balcón,
resistente ante epidemia,
pasos pautados, pandemia
purgada en bandoneón.

  De noite, catre a carón
da fiestra, onda soleira;
a destra na faldriqueira,
a zurda na contrición.

    
               **

  Sicario, este camaleón
disfrazado en catarreira,
actúa de tal maneira,
que enfebrece o teu colchón,
que dispara o seu ferrón
sen reparar na fronteira,
no salario, na pensión,
na idade, na condición,
na ceifa, na sementeira,
na meta da túa carreira...

   
  No tocante ao corazón,
reclama a contribución;
CORONAVIRUS -canseira!-
mete man na túa carteira.


               ***


  Na trincheira do balcón,
resistente ante epidemia,
pasos pautados, pandemia
purgada en bandoneón.

  De noite, catre a carón
da fiestra, onda soleira;
a destra na faldriqueira,
a zurda na contrición.
 



                 ****

  O tango, que é fanfarrón,
ofrece máis pulpo á feira.


             (Rioderradeiro)


La cuarentena dispara la imaginación: Los memes del coronavirus ...

quinta-feira, 26 de março de 2020

Ser forma..., e ferramenta.

Resultado de imaxes para: toulouse lautrec
(Wikipedia, Toulouse-Lautrec)


  Óllame cos teus ollos
de ardorosa pementa; 
ofrenda, eses teus beizos,
deliciosa tormenta.

  Bícame cos teus bicos
saborosos a menta;
convoca a miña boca
á túa, que me alenta.

  Líbrense decontino
da mirada indiscreta;
xúnganse as nosas almas
en xuntanza perpetua.

  Profunda aperta finte
afán que se fomenta:
ser flama fulgurante,
ser forma..., e ferramenta.


  E a beber bebedizos
ateigados de absenta.


  (Rioderradeiro)

Resultado de imaxes para: toulouse lautrec

domingo, 9 de fevereiro de 2020

Ser de Louro, e parecer...

Foto de Manuel María Pena Silva.
(Foto de Reyes Benoit)

  Ter por divisa a grandeza
do mar aberto ao solpor,
ler no peito o pundonor
de loureana franqueza.

  Lindo escudo, arco expedito
e as frechas en combustión
apuntando ao corazón
da diana do infinito.

  Ser de Louro, e parecer
en peaña, un privilexio
rebuldante aquel latexo,
feliz a máis non poder.

  Tranquiliño? Algo tatexo
polo temor... de o perder.

  (Rioderradeiro)

domingo, 26 de janeiro de 2020

Troquelando risas tristes.

Resultado de imaxes para harlequin with a mirror
(Harlequin with a Mirror - Picasso, Pablo | Museo Nacional )

  Teatro: en vivir invistes 
chanceos, choros... e chistes,
bágoas a remexer,
o rodicio a remoer
continuo, aquel retorcer
torturador, cando insistes,
coa panca do padecer,
pallaso, en superpoñer
máscaras, probar que existes
troquelando risas tristes.

  Troquelando risas tristes,
traballoso envellecer..!

 (Rioderradeiro)

Resultado de imaxes para harlequin with a mirror
((Harlequin with a Mirror - Picasso, Pablo | Museo Nacional )

segunda-feira, 23 de dezembro de 2019

- Desde o Portal, CLANDESTINO..!

Foto de Pepa Sestayo.
(Pepa Sestayo: "Creo que ha sido uno de los cuadros que más me ha costado emocionalmente por la intensidad del tema que trata.")



  É berce, é balsa, é pateira,
cesta de Moisés no río,
este ateigado navío,
no proceloso é peneira,
alfándega de fronteira
que ha fornecer na ribeira,
por capital, fame e frío;
que a pobreza, decotío,
por desprezo, arma fogueira
en corazóns de madeira.

  Apaga, Neno, a xenreira;
reparte o PAN decontino;
proclama a PAZ, palestino;
desterra o PAU da xenreira,
desde o PORTAL, clandestino..!

   (Rioderradeiro)