sexta-feira, 31 de outubro de 2014

Amado arcanxo, guerreiro.



















 (IN MEMORIAM de Manuel da Roura,
a quen, en vida, quixemos tanto, e el a nós
de igual ou superior maneira.)


  En verso limpo, lixeiro,
voa o poeta tan alto,
que se diría, dun salto,
transfigurado en luceiro.

  Transfigurado en luceiro,
luz perenne en peregrino;
vai tapizando o camiño
semente de pregoeiro.

  Semente de pregoeiro,
arado de campesiño,
leva labrado o destino
con compás de mariñeiro.

  Con compás de mariñeiro,
velas, drizas, equipaxe...;
nada lle falta; ¡que viaxe!,
amado arcanxo, guerreiro.


 (Rioderradeiro)



terça-feira, 28 de outubro de 2014

Nun papiro de cristal.



  Considerando a limpeza,
comunitaria cabeza
da Casa Consistorial,
para que ninguén o esqueza,
cómpre, en modelo oficial,
documentar nunha peza
a xesta por carnaval:

  Eis a historia requintada,
resumida e retratada
en placa... a carta cabal.

  Reloce -flamante espello-,
se non mirades de esguello,
o tellado do Concello
nun papiro de cristal.


   (Rioderradeiro)


(Wikipedia)

terça-feira, 21 de outubro de 2014

Que o recibir sen dar xa rematara.


  A semente ficou como enclaustrada
en Vilares, fogar, tan de repente;
foi a terra eficaz, o recipiente
camposanto, saial, fin de acampada.

  A semente afincou profundamente
na soidade feroz que me espreitaba;
dura ausencia de ti; non a esperaba,
galopante, incivil, profusamente.

  A semente afirmou que xa cumprira;
imposible asumir que ela partira;
non fun quen de aceptar que me deixara.

  Non fun quen de aprender que se esfumara
egoísta vivir que antes vivira,
que o recibir sen dar xa rematara.

   (Rioderradeiro)















(Vilares, Louro)

domingo, 14 de setembro de 2014

Aquela tarde voltabas.


Antonio Rey‎.-"Aquela tarde de xaneiro voltaba con Antonia de Amira e 
puiden coller esta foto de San Xián de Torea-Muros. Saúdos dende lonxe."



  Aquela tarde voltabas
con Antonia, costa arriba;
por mor do tempo, apurabas
a memoria en carne viva.

  Altiva a flama da tea,
da propia carne a torcida,
eras cadea e candea
sobre a conciencia prendida.

 Quixera o diaño tentarte,
deixarte, ANTÓN, á deriva,
pór no teu REIno estandarte
de baleira alternativa.

 Non quebrantou o baluarte
unha bandeira abusiva.

 
       (Rioderradeiro)

segunda-feira, 25 de agosto de 2014

Versos temperamentais.


      Cómo separar a dos perros que se pelean?   
   
  Versos temperamentais
empurrados sen mesura,
estrofas con mordedura
encirrada por demais.

   Diferencias persoais
disparan temperatura,
chanta a rabia dentadura
libre de cargas fiscais.

   Sedentos de abeberar,
coma mastíns desbocados,
os seus caninos cravados
no torrente xugular.

  No torrente xugular
mil rancores renovados... 



  (Rioderradeiro)