terça-feira, 3 de junho de 2014

Que na carne mortal fora delito

Statue En Bronze D'une Ballerine Sur La Plage De Mogren Budva ...

  Eterno feminino en pasarela,
o relampo de luz reverdecido
no tobogán da mente enfebrecido,
esvarando pendente sen cautela.

  Eterno feminino en acuarela,
retórica de raio repetido,
fortificada a frecha de Cupido
con deslumbrante audacia de doncela.

  Eterno feminino. Canta euforia,
condecorado ardor desenfreado,
a devecer atallos da vitoria
perpetrando a pincel puro pecado!

  Eterno feminino. Ardente grito
que na carne mortal fora delito

(Rioderradeiro)

sábado, 31 de maio de 2014

Cun corazón cortés, de contrabando.


                                (Foto Rioderradeiro))

  Tráenme abrazos teus, coma recargo,
remorsos de pecados clandestinos;
teñen os bicos teus sabor amargo
e veleno letal coma asasinos.

  Leo nos labios teus o meu letargo
e négome a aceptalo e a combatilo;
exprópiasme o sentido por embargo,
expúlsasme de propio domicilio.

  En que mundo habitar? Con canto enxeño
pode un necio existir? Como me chamo?
Quen son agora entón? Por que reclamo?
A que porta petar? Falta de empeño...

  A vida este xograr foina inventando
cun corazón cortés, de contrabando.
   
       (Rioderradeiro)
















(Wikipedia)

quinta-feira, 29 de maio de 2014

Desventurada Inés, pola pendente.


(Wikipedia)

  Lindos ollos os seus, que te desnudan,
da desnudez máis doce te revisten;
limpos luceiros que contigo invisten
en amplas claridades. Que te mudan?

  Co don da luz o corazón saúdan
ollos azuis, ollada tan serena;
para o teu mal, bucina de sirena,
bicos a malgastar. Por que te escudan?
 
  Es un galán fantasma, sen mesura,
un galopín, farsante, unha impostura
incapaz de querer graciosamente.
 
  Triunfa a traición en alma decadente
ao volverte a implicar noutra aventura,
desventurada Inés, pola pendente.

    (Rioderradeiro)


terça-feira, 27 de maio de 2014

Luscofusco..., pavor!: padecemento.

   
  Un corazón que abrolla sen medida,
unha fenda profunda a ceo aberto,
un manancial que é río e que é deserto,
unha estatua de sal trala saída.

  Un axente causal desta ferida,
unha mirada vaga diverxente,
un ente impenetrable indiferente,
unha vestal en mármore esculpida.

  O desamor, iluso namorado,
escarmento da luz en negra cova;
como desangra o sol cando se entoba,
ese teu corazón é desangrado.

  Drama en paixón por falta de alimento;
luscofusco..., pavor!: padecemento.

       (Rioderradeiro)


segunda-feira, 26 de maio de 2014

En mordaza bucal de pervertido.


  
  Pois minte máis que fala, estar calado
sería defraudar a felonía;
se aceptase calar, compensaría
co meu silencio o seu represaliado.

  Pois minte por mentir, vicio iniciado
desde o primeiro alento na porfía;
se aceptase cambiar, despreciaría
ao crápula que leva incorporado.

  Mentireiro maior, algo impoñente,
sapo concho, colmillo de serpente,
se for quen de enmendar un malnacido,

  o hipócrita traidor reconvertido
tornaría o verniz de home decente
en mordaza bucal de pervertido.


     (Rioderradeiro)