sábado, 10 de maio de 2014

Un ego corrompido que serpea.


(Wikipedia)

  Desde neno, sen dúbida, incorporas
privilexios de ser acomodado,
xoguete de destino, acostumado
a meterte no espello a todas horas.

  Adolescente, infante inveterado,
por nacido nun berce exclusivista,
por descaro, por alma narcisista
propietaria dun corpo de pecado.

  É tempo de eleccións. Veña, tourea!
Estás proposto coma candidato;
o teu perfil, repique en arrebato
do músculo viril. Verga!, tolea…

  a espada pueril. Entre en debate
a Galiza servil da panacea;
a causa de compor máis melopea,
Narciso, patrocina o disparate.

  Por Deus, ha reflectir o xaquemate
ese ego corrompido que o retrate?


   (Rioderradeiro)



(Wikipedia)

quinta-feira, 8 de maio de 2014

No teu colo outra vez. Sinto morriña.


Peinture numéro - Appel de la mer - Peinture numéro - Creavea



  Triste… Alegre… Francas velas ao vento.
Alerta, capitán, que zarpa o teu navío.
Ataca temporal. Campa o bravío.
Encirra vendaval de barlovento.

  Triste… Alegre… Cambiante o movemento.
Imaxes: debruzando en mar o río,
o tempo derramando no baldío,
a vida debagando o seu talento.

  Alegre… Triste… Infancia que foi miña.
A pedra lar. A man que me acariña.
Abrazos paternais e protectores.

  Abeiro familiar. Seráns. Solpores.
Bálsamo, por favor, para esta espiña;
penso nos bicos, nai; sempre os mellores.

  No teu colo outra vez. Sinto morriña.

    
       (Rioderradeiro)


Art: 4 Portrait der A Mere et Fille Academique Realisme Fille ...

quarta-feira, 7 de maio de 2014

¡Viva a rosa triunfante no soneto!


(Wikipedia)

  Para aprenderes, aprendiz de amante,
a respectar a rosa que apeteces,
debes regar roseira moitas veces
e practicar doctrina consoante.

  Para apartar poema decadente
da flor, entre as espiñas, ben louzana,
cómpre tecer, a toque de diana,
ritmo e compás no metro máis decente.

  A fragancia sutil, alma secreta,
que é portada de toda a sementeira,
foi gravada en abril, por vinculeira,
no horizonte vital deste poeta.

  Renden armas cuarteto e mais terceto.
¡Viva a rosa triunfante no soneto!


      (Rioderradeiro)


terça-feira, 6 de maio de 2014

Por asocial, por raro, e corrompido.




  A mirada difusa, esparexida;
corpo de lacazán, desmesurado;
os pés -¡que pés!-, pasos de pé quebrado;
persoa sen valor, baleira, espida:

  Entra, sae sen rumbo, é movemento
rexido polo azar; xa mo imaxino
perpetrando vaivéns por desatino;
provoca en todos nós resentimento.

  ¿Vive? ¿Dixen vivir? Non é consciente.
¿Existe? Un existir vago, indecente;
porque se divorciou do seu contido.

  Disfruta de argadelo indefinido.
Ben sabemos por que queren xulgalo
servidores da lei para matalo.

  Non merece perdón este individuo,
por asocial, por raro, e corrompido.

    (Rioderradeiro)

segunda-feira, 5 de maio de 2014

De Ave Fénix ardente, irredutible.

















(Wikipedia)

  
  Desperta aurora azul. Arma solfeo.
No punto cenital é dominante.
¿Consolará candor alucinante
asterisco solar en himineo?

  Coma raio febril, salta do ceo
dunha forma frontal e galopante.
¿Que secura ha saciar este diamante
no manancial, en brazos de Morfeo?

  Matriz de luz -metáfora infalible-
é fineza de tardes e de auroras,
é firmeza no devalar das horas,
é franqueza na vaga, indefinible.

  Cando devén solpor, conta as vitorias
de Ave Fénix ardente, irredutible.

 (Rioderradeiro)