terça-feira, 6 de maio de 2014

Por asocial, por raro, e corrompido.




  A mirada difusa, esparexida;
corpo de lacazán, desmesurado;
os pés -¡que pés!-, pasos de pé quebrado;
persoa sen valor, baleira, espida:

  Entra, sae sen rumbo, é movemento
rexido polo azar; xa mo imaxino
perpetrando vaivéns por desatino;
provoca en todos nós resentimento.

  ¿Vive? ¿Dixen vivir? Non é consciente.
¿Existe? Un existir vago, indecente;
porque se divorciou do seu contido.

  Disfruta de argadelo indefinido.
Ben sabemos por que queren xulgalo
servidores da lei para matalo.

  Non merece perdón este individuo,
por asocial, por raro, e corrompido.

    (Rioderradeiro)

segunda-feira, 5 de maio de 2014

De Ave Fénix ardente, irredutible.

















(Wikipedia)

  
  Desperta aurora azul. Arma solfeo.
No punto cenital é dominante.
¿Consolará candor alucinante
asterisco solar en himineo?

  Coma raio febril, salta do ceo
dunha forma frontal e galopante.
¿Que secura ha saciar este diamante
no manancial, en brazos de Morfeo?

  Matriz de luz -metáfora infalible-
é fineza de tardes e de auroras,
é firmeza no devalar das horas,
é franqueza na vaga, indefinible.

  Cando devén solpor, conta as vitorias
de Ave Fénix ardente, irredutible.

 (Rioderradeiro)

sexta-feira, 2 de maio de 2014

No cerebro, charón malencarado.


Caricatura de José María Aznar | Babelia | EL PAÍS
Cuadro Tigre Y Pantera 50 X 70 - $ 4.890,00 en Mercado Libre
(Wikipedia)

  Ambicioso individuo hoxe en balanza,
este home, que persegue o mel da gloria,
de fortuna, atesoura vanagloria
espetada na mente como lanza.

  Colecciona veleno, pura escoria,
e un elenco de estúpida arrogancia
que salpica soberbia en abundancia
cando morde as palabras na oratoria.

  É pequeno? Pois si. Como calquera.
Ten complexo? Tamén. Non o supera.
Anda teso. Semella ata envarado,

  Desde a planta dos pés ao peiteado,
por rancor, recuberto dunha cera
que é blindaxe, charón malencarado.

  Miúdo maioral! Quen o tolera?
O Casado? Abascal? Tigre ou pantera?

   
      (Rioderradeiro)

quarta-feira, 30 de abril de 2014

Merece o meu calor. Non perdo nada.












   
  A vida de calquera é tempo breve
recopilado en recortados días.    
Mira este can; observa anomalías:
pouco ladra, non come, apenas bebe.

  Pobre animal! Sofre. Corre perigo.
Reumático ambular que me arremeda!
Son dono dunha sombra que me asedia,
reconfortante á vez, leal amigo.

  Quixen ter can. Non adquirín escravo.
Foi decisión cabal, por meditada,
manter un folgazán sen menoscabo.

  A condición do “can”, ben mellorada,
fíxose familiar naquel arrimo
que inoculou en nós coa mirada.

  Arestora, á vellez, cómpre agarimo.
Merece o meu calor. Non llo escatimo.

             (Rioderradeiro)





terça-feira, 29 de abril de 2014

Veneran no granito o puro carto?



  
  Poñamos que este sol vai de cruceiro
e toda vaguidade desvirtúa;
poñamos que lle prende lume á lúa
Ícaro voador cun candeeiro.

  Convén saber se a fe do carboeiro
consiste en lle prestar alas ao vento,
se claramente a fe propaga evento
no tobogán das nubes cun plumeiro.

  Convén saber se reptan, coma a hedra,
rato, gato montés, lesma, o lagarto…,
se, en puridade, trepa por reparto
a cobiza da fauna cando medra.

  Quen vindica ao divino en Cruz de Pedra?
Poñamos que, piadoso, non descarto:
Veneran no granito o puro carto?


       (Rioderradeiro)

Foto de Quin Muros Negreira.