sexta-feira, 25 de abril de 2014

Para esculpir na aperta que te quero.


( Wikipedia.- Admiración maternal, obra de William Bouguereau, s. XIX.)

  Perdurará no tempo a túa imaxe
mentres de NAI se vista a primavera;
se o pulso do meu pranto persevera,
ha penetrar a terra do teu traxe?

  A perforar a pedra da blindaxe,
puro debate contra unha quimera,
vou  abreviando, sen compás de espera,
os pasos a pagar pola peaxe.

  Non sei como dicilo en verbo austero,
con que lume nos ollos deslumbrarte,
con que rito sagrado despertarte
do sono irreversible máis severo.

  Son neno na vellez, quero abrazarte
para esculpir na aperta que te quero.

  (Rioderradeiro)



quarta-feira, 23 de abril de 2014

Sen gaita daquel gaiteiro.

Elena - lezioni

(Wikipedia, Helena de Troia)

  



  Entre xasmín e azucena,
o semblante xuvenil,
delicioso o teu perfil
e mareante a melena,
doce mirada serena,
debruzante peitoril,
metáfora de marfil,
pintado pico en patena;
estampa ben pastoril,
doncela de aliño, Helena...

  Pula a pluma no plumeiro,
verte verso na rapsodia;
retira rodicio a roda;
lisca troula do trouleiro;
retorna tinta ao tinteiro...

  Ficou reseca a prosodia
do compromiso primeiro,
do peiteado sen poda,
sen "verbigracia" de voda,
sen gaita daquel gaiteiro...

  For paxaro carpinteiro
de cabeza, cima e coda,
acróbata, verdadeiro
salimbanqui da parodia..!

    (Rioderradeiro)



Processo a Elena: colpevole o innocente? | umbrialeft.it
(Wikipedia, Helana de Troia)

segunda-feira, 21 de abril de 2014

A España que te nega a cada instante.

 (Wikipedia; Toro de Osborne cercano a Las Cabezas de San JuanSevilla)

  A España que desprega malandanza,

a golpe de esperpento, adoecida;

a España de calvario e de corrida,

de carnaval, de pleito e de pitanza.


  A España da ruleta e da folganza,

embozada de historia, enfebrecida;

a España tan cristiá, tan fratricida,

mausoleo e pendón sen esperanza.


  A España que perpetra e debilita

con tizona de Cid recalcitrante;

a España de secaño, intolerante,

fociño a debruzar por Pedrafita;


  A España que te agrede e que te grita,

ouropel imperial, sempre arrogante;


  A España que te invade a cada instante

non pode convencer; porque te irrita.


  (Rioderradeiro)


     

segunda-feira, 14 de abril de 2014

Cumplo e descumplo pasados.

    
Para Antón Rey, que, desde Bos Aires, felicita, co inconfundible son das campás de San Xián de 
Torea, a quen naceu (literalmente) de pé, tal día coma hoxe, na parroquia de Louro.

  Cumplo e descumplo pasados

dun tempo que malgastei,

pois engulino a bocados.


Se me felicitas, Rei,

síntome felicitado

por Corte e por Principado,

por Congreso e por Senado,

polo Consello de Estado,

sobre todo, porque sei

que pensaches que pensei

que, por Decreto de Lei,

me tiñas baixo coidado

formando parte da grei

de súbditos ao teu reinado.

 

  Xa non celebro; probei

certo ascetismo ilustrado.


(Rioderradeiro)

domingo, 13 de abril de 2014

Non gratifica o PePé.

Foto: Para o "solitario " que amanha cumpre anos. Parabens,amigo!.
(A foto é de Bernardo Sestayo)
O sonetiño está adicado a PPrometeo que dimitiu da súa misión histórica -¡miúda desgraza para Muros- por "motivos persoais", segundo a Voz de Galicia, en páx. local de onte, 12/04/2014, antevéspera da proclamación da 2ª República.                                                     

  Ía tan gallardo e serio

polo ronsel da derrota;

cabalgaba na gaivota,

maxistral no ministerio.


  Canto de cisne, ilusoria

enfiou xogada a bota;

terco o partido, a pelota

cambiou de pé, fin da historia.


  Son tantos anos de loita

detrás do alpiste da troita,

blindando soño con fe;


  por tanto talo no pé,

entre piratas, á escoita,

non gratifica o PePé.


  ¿Resta "haber" na "Caixa Be"?,
¿entrará o deber en coita?;
rexistra o contable: ¡méee..!


       (Rioderradeiro)