domingo, 3 de novembro de 2013

Desterra o tear de ortigas.

Pedro García Fernández-Oliveros .-"Entorno al almendro, han crecido las ortigas,
 y las arranco una a una para que Marta y Clara, con su interés por las hierbas 
no vayan a cogerlas y les duela..."
  O xardineiro de amor
rega, acariña, ama a flor,
protexe talo de intrigas;
dilixente, previsor,
desterra o tapiz de ortigas.

  Incomburente o candor,
un deslumbrar sen cegueira
apuntala alma algareira,
por desvincular dolor
dunha infancia verdadeira.

  Elegante, este "Olivero"
que aparenta home severo,
de abrazos e mans tendidas,
as dúas rosas prendidas:
Clara e Marta florecidas...

  no seu xardín con esmero.


        (Rioderradeiro)

domingo, 20 de outubro de 2013

Rúa da Luz, de Sibila…

   
  Rolda por Rúa da Luz
unha sombra silandeira
no tobogán da soleira:
baixa, sobe, cara ou cruz.

  Debruza a sede, avestruz,
de constante cabaleiro,
na Fonte do Castiñeiro,
reverente, a contraluz.

  Fortalece monodía
reproducir pola vía
unha rutina refén
de cabal monotonía.

  No peto a chave da vila,
a dos secretos tamén,
exerce de palafrén,
Rúa da Luz, encandila…

  cunha vela na mochila
por Miraflores, ¡amén!


 (Rioderradeiro)


quinta-feira, 17 de outubro de 2013

Acadas cincuenta e cinco.

 
  Será porque é negra a pena,
ti, Branca Neves, dun brinco,
coa Esperanza en patena,
cos teus patucos de nena,
acadas cincuenta e cinco
e faslle ao tempo a faena
de confrontar o propinco:
a madureza que acena
noutra mirada máis plena,
equilibrada en retrinco.

  Amarro o crono, e delinco;
que a flor da vida encrequena
cando lle falta ese afinco,
e se convirte en condena.

(Rioderradeiro)



quarta-feira, 9 de outubro de 2013

Acupuntura en araña.

Foto: AAARRIBAAAA!!!!!!

  Vén de varada e de proa,
foi rescatada da bruma,
alza pendente e alcuma
bela embalada de loa
libre do abrazo da escuma.

  Ben enclavada en clausura,
en cabalete a vendaxe,
metida nave en cintura,
operación maquillaxe:
empaste, chapa, e pintura.

  Velaí, fóra do baño,
nun hospital de campaña,
desde o pelexo ata a entraña,
a revisión de secaño:
Acupuntura en araña.

  Mañá, regreso ao rabaño.

 (Rioderradeiro)

domingo, 6 de outubro de 2013

envolto nunha cortina.



  Fíxose chaga e mais sombra,
e na sombra leva o grito
anestesiado e proscrito
recollido baixo alfombra
onde se esconde un delito.

  Alí latexa contrito,
pula no celme encuberto,
redivivo, en desconcerto,
por mor de atoparse inscrito
a corazón descuberto.

  Esa dor fonda e felina
que anda a procura dun nome
pide ao doente que tome
paciencia de plastilina.

  Ha proseguir coma un home
envolto nunha cortina.

(Rioderradeiro)