domingo, 20 de outubro de 2013

Rúa da Luz, de Sibila…

   
  Rolda por Rúa da Luz
unha sombra silandeira
no tobogán da soleira:
baixa, sobe, cara ou cruz.

  Debruza a sede, avestruz,
de constante cabaleiro,
na Fonte do Castiñeiro,
reverente, a contraluz.

  Fortalece monodía
reproducir pola vía
unha rutina refén
de cabal monotonía.

  No peto a chave da vila,
a dos secretos tamén,
exerce de palafrén,
Rúa da Luz, encandila…

  cunha vela na mochila
por Miraflores, ¡amén!


 (Rioderradeiro)


quinta-feira, 17 de outubro de 2013

Acadas cincuenta e cinco.

 
  Será porque é negra a pena,
ti, Branca Neves, dun brinco,
coa Esperanza en patena,
cos teus patucos de nena,
acadas cincuenta e cinco
e faslle ao tempo a faena
de confrontar o propinco:
a madureza que acena
noutra mirada máis plena,
equilibrada en retrinco.

  Amarro o crono, e delinco;
que a flor da vida encrequena
cando lle falta ese afinco,
e se convirte en condena.

(Rioderradeiro)



quarta-feira, 9 de outubro de 2013

Acupuntura en araña.

Foto: AAARRIBAAAA!!!!!!

  Vén de varada e de proa,
foi rescatada da bruma,
alza pendente e alcuma
bela embalada de loa
libre do abrazo da escuma.

  Ben enclavada en clausura,
en cabalete a vendaxe,
metida nave en cintura,
operación maquillaxe:
empaste, chapa, e pintura.

  Velaí, fóra do baño,
nun hospital de campaña,
desde o pelexo ata a entraña,
a revisión de secaño:
Acupuntura en araña.

  Mañá, regreso ao rabaño.

 (Rioderradeiro)

domingo, 6 de outubro de 2013

envolto nunha cortina.



  Fíxose chaga e mais sombra,
e na sombra leva o grito
anestesiado e proscrito
recollido baixo alfombra
onde se esconde un delito.

  Alí latexa contrito,
pula no celme encuberto,
redivivo, en desconcerto,
por mor de atoparse inscrito
a corazón descuberto.

  Esa dor fonda e felina
que anda a procura dun nome
pide ao doente que tome
paciencia de plastilina.

  Ha proseguir coma un home
envolto nunha cortina.

(Rioderradeiro)

quinta-feira, 3 de outubro de 2013

un máis en lista de espera.


(Wikipedia)

  Habita en flagrante esfera,
moi por riba do admisible,
por dereito, irredutible
a vivir coma calquera;

  non maxina tan sequera
un sufrimento insufrible,
imposición de imposible,
por que esperar desespera.

  Ser excepción asevera
fundamento de grandeza
que vai do peito á cabeza,
fumegante estratosfera.

  Se a pel de touro soubera,
quen vería á realeza
-anacronismo esa alteza-
compartir paro que impera,

  sen tanta delicadeza,
probar sabor da pobreza
do cidadán sen carteira,
copago e lista de espera.


   (Rioderradeiro)