sábado, 31 de agosto de 2013

Ir con vela á procesión.

                      
 “O Verán comeza co San Xoán de Serres e remata
 co San Ramón de Serres…” (Pedriña Alta)

Cacharela e diversión
avalounas San Xoán;
agora vén San Ramón,
préndenlle lume ao verán
e os de Serres onde están,
en resumo, cantos son
a esixir reparación
ao cura e ao sacristán
por permitir a satán
ir con vela en procesión.


(Rioderradeiro)

sexta-feira, 30 de agosto de 2013

a tanto Matusalén…

HarrowingBermejo.jpg
(Wikipedia)

  Para vivir con largueza,
sen vos doer a cabeza
o tempo que vos convén,
labrando rumbo do alén,
saltar do berce en braveza,
de présa, nun santiamén;
quen soubese -porque ten
o corazón tal tristeza-
como infundir fortaleza
ao pusilánime; quen,
do "inserso" e mailo "iném",
corredor, e contra quen,
ir raspiñar máis riqueza
para eludir a incerteza,
para enlodar enteireza,
invoca a MATUSALÉM?


       (Rioderradeiro)



quinta-feira, 29 de agosto de 2013

e perde a praza Palmira.



  Das oito ás tres, a diario,
no verán, a noria xira,
goza de lindo ideario:
laboura, apura en horario,
polo traballo respira,
e cando estío retira
o calor do calendario,
porque o xulgou necesario,
cae o telón da mentira;
arriba outono, calvario!,
recolle a folla e conspira:
ou redúcelle salario
ou remata algún sicario,
e perde a praza Palmira.

         (Rioderradeiro)


segunda-feira, 26 de agosto de 2013

que na entreperna é recanto!

  Abascal: "Millones de españoles van a votar sin miedo a nada"

  Funambulista en andamio
con veleidades de artista,
pardarego trapecista
de soñador polo aramio.

  Desbocado centinela,
como alguacil da esperanza,
cos ollos bravos avanza
buceira e morro en xanela.

  Ventrílocuo -ciencia infusa-
en sánscrito, baixo manto, 
co Manco aquel de Lepanto,
con Quevedo e Villaescusa,
requintado en esperanto,
relambido en lingua ilusa.

  Como cala e como acusa!,
que cara dura, deus santo!,
como ataca a cornamusa,
que na entreperna é recanto!

      (Rioderradeiro)



sexta-feira, 23 de agosto de 2013

Plantaran lume... ata ao mar.














 


  Bombeiro bota a voar,
elevando destramente
un “canadier” dependente
dunha cana de pescar.

  Nave cisterna, no ar,
verte do ventre semente;
do feito, seguidamente,
rompe, chuvasco, a chorar.

  Viñera vento soprar
nunha faísca inocente
que, chamizo impertinente,
dera en dardo, en perpetrar...

  Mil lapas desenfreadas,
fauna e flora desoladas;
-combustible-comburente-
piromancia secular...

  Só conciencias deturpadas,
só demencias desatadas,
na Galiza, tan paciente,
plantaran lume... ata ao mar.


          (Rioderradeiro)