sexta-feira, 22 de março de 2013

Revela truco algún tolo?




  A forza da corrupción
nace de aceptar que todo
-por tradición, moda e modo-
pode atopar acomodo
onde a trastenda compón
tea de araña á razón
e unha benda ao corazón
para adobar protocolo:
carto, regalo, centolo,
beneficio e bendición.

   Labra apetencia o ladrón?,
lava conciencia o birollo?,
revela truco algún tolo?
Preguntas de "a patacón".

  Respostas que non recollo.



             (Rioderradeiro)



terça-feira, 19 de março de 2013

para o modelo machista.



  Prohibido ás mans ligar
no xogador, na pelota;
que empurre pé pola bota,
busque a bola o seu lugar.

  ¿Fará burato a puntada?
Desmandado, ao parecer,
mételle un dedo a pracer,
segundo eu vexo en portada.

  “More ferarum” de artista,
Pola mosca, o futbolista
copia esquema demandante,

  contracultura aberrante
que con lente de oculista
non resulta edificante

  na liga moralizante
para o modelo machista.

(Rioderradeiro)


sexta-feira, 15 de março de 2013

que o Nova Escocia reviva

Foto

 (Manuel Lago Alvarez)



Un menú, pura ambrosía,
servido en ton mozartiano,
mete en cintura o piano
con meridiana harmonía.

Cabalga a pelo o mencía
polo padal, soberano,
regalando alento humano
condumio con regalía.

Veña esa copa intuitiva
irmandada ao bo café,
brinde Manolo o porqué
da linda tarta intrusiva,

viva factura máis IVA,
unha minucia, abofé;
que o Nova Escocia reviva
na Rúa Ancha, e ¡olé..!

(Rioderradeiro)



 (Manuel Lago Alvarez)

quinta-feira, 14 de março de 2013

A carga que máis me pesa


A carga que máis me pesa
implica o propio existir:
sacar de quicio o vivir
desangrado a toda présa,

botarlle un pulso á cabeza
do berce ata a sepultura,
caer de froita madura
onde denuda incerteza.

Dura pracer só un minuto,
o padecer persevera,
se outra esperanza me espera…,


se hei descargar noutra esfera
este existir disoluto,
pola escalada debuto…,

pois desvivir desespera.

(Rioderradeiro)



quarta-feira, 13 de março de 2013

Son de Carnota as leiteiras.

    (1924, Ruth Matilda Arderson)

  Conto por toucas. Son cinco,
ben enfiladas, na estrada,
como encofrando mirada
para encarrilar o brinco.

  Son de Carnota as leiteiras;
á vila, abrindo a mañán,
con caldeiretas na man
chegan, de cote, as primeiras.

  En Muros venden patacas,
ovos, allos e cebolas
no mercado e polas rúas;

  se, por desprezo, as atacas,
non por iso as descontrolas
nin tampouco as desvirtúas;

  pola contra, inda acentúas
bautizo ao leite das vacas.


         (Rioderradeiro)

     (Ruth Matilda Arderson))