sexta-feira, 13 de abril de 2012

Xermole en Sol, debuxe outra xornada.



  O ceo azul que da inocencia vive,

a luz limiar, que se impacienta e morre,

repercute en puñal, pulsa, percorre

pergameo do mar onde subscribe.

 

  Contumacia, talvez sendo mentira,

do tecelán dese obradoiro agroma

xoguete de amencer cando se asoma,

botín de Poseidón cando el se admira.

 

  Menos candor, a tarde alí caída,

menos vigor, a luz morna enloitada;

cadaleito e matraz, urde, valida,

devolve anil da bóveda invertida...


  Resurrección, semente profundada:

xermole en Sol, debuxe outra xornada.


                                (Rioderradeiro)


terça-feira, 10 de abril de 2012

A frecha que acertou na regalía.


  Non ben parto de ti, fóra do abrazo,
xunguido ao presentir da chama altiva,
esa flama en por si libre e cativa
que en lendo o corazón prende embarazo,

  Non ben parto, sen ti, do teu regazo,
perde paz pedernal da man que activa
pólvora tan voraz como abrasiva
en fogueira de amor cando te emprazo.

  Terra de promisión onde a beleza
pode rivalizar coa nobreza
por contender, leais, na moradía;

  A prenda onde apuntei non se avalía
se non apostan dous en fortaleza
e parten por igual a plusvalía.

  Empeño de empatar: delicadeza,
a frecha que acertou na regalía.

                                   (Rioderradeiro)


Firmando a pluma!


  Unha vela no mar,
de marabilla!,
pondo no azul primor,
loce sinxela!;
a canoa a campar,
compás na quilla,
por mar que din maior
fan de novela!


  Unha vela avanzar,
na vaga arela,
folerpa, pomba, flor,
branca gacela!;
revelando un cantar
que sabe a bruma,
cruceiro a pé da dor,
como acostuma!


  Outra vela a inflamar,
de centinela,
dá candea a babor,
farol da escuma!;
sabe a bela brillar
coma unha estrela,
sabe a vela a vigor…
firmando a pluma!

                     (Rioderradeiro)




sexta-feira, 6 de abril de 2012

- As mordeduras do tempo.



 Tal tristura trae o vento..,
sempre se lembra de min;
decontado cata invento
de tapares con carmín
as mordeduras do tempo.


  As cicatrices do tempo,
que non dá tregua á costura,
non as esconde a pintura
nin as borra o linimento,
pois prenden no pensamento.


  Semente de encravadura
sementada en tal fondura
ha xermolar ferazmente
na faciana, en preferente
disfrace..., caricatura.  


  Vive do froito, é seitura;
decote, por desalento,
viste de triste; é fermento
de tornar da zona escura;
é farol a súa armadura.


  Tal tristura trae o vento..,
sempre se lembra de min;
decontado cata invento
de tapares con carmín
as mordeduras do tempo.

                (Rioderradeiro)



quinta-feira, 5 de abril de 2012

Amortallando a luz dunha quimera.


  A tormenta de nubes xa quebranta,
a envoltura do tempo xa atormenta,
a  chuvia fai do vento ferramenta
a enfarelar a terra cando avanta.

  A fasquía da tarde, terca, aguanta,
tatexa e porfiante representa
desventurada luz sen vestimenta
que o mar maior deglute por garganta.

  Non hai repetición senón ocaso,
non hai perdón de graza nin retraso
do día que esgazou da grande esfera;

  Se a branca nube se tornou severa,
será porque o solpor firmou fracaso
amortallando a luz dunha quimera;

  Estertores de inverno en primavera.


                                (Rioderradeiro)