domingo, 18 de março de 2012

Biscoitos con alacrán.


(Wikipedia)

  Camiño do teu penar

dun ir e vir de contino,

con/texto de conversar

Ti contigo, encadear

as patadas do teu sino.

 

  Escrupuloso asasino,

corruptor de leviatán,

bala, rosario e casino,

puñal para peregrino,

conivente o capelán.

 

  Coherente co pensar,

facer o mal con cariño,

bautizar velas no bar,

vivir de bota e de altar

beber da man que auga o viño.

 

  Pureza de rancho fino:

veleno para refrán,

hamburguesa de intestino,

flatulencias de porcino,

biscoitos con alacrán...:


  Filigranas de alcatrán

para padal palatino.



 (Rioderradeiro)



(Wikipedia)

sexta-feira, 16 de março de 2012

Pór raxo en berberecheira.


  
  Brioso o forzado arrimo,
amansado na moldura,
o vimbio abrazou feitura
de regazo e de agarimo.

  Xa cesto, ostenta balocas,
allos, cebolas e grelos…;
mil ollos para comelos
á vista de tantas bocas.

  Inda non sabe a fogueira
se ha ser caldo ou caldeirada,
a corre ancora, abeirada
ao peirao da lareira.


  Pór raxo en berberecheira,
desempate en empanada.


(Rioderradeiro)




quinta-feira, 15 de março de 2012

Fermento con ferradura.


  Entre o sentir e o soñar,
face / envés considerando,
vaise o tempo peiteando
co pente do teu pensar.

  Entre o ter e o trastocar
mazorcas do mesmo saco,
baixa, ás veces por buraco,
fariña sen peneirar.

  Se fornece sinatura,
á forza, encarna fisura,
xarampelo en pensamento;

  Despilfarra o sentimento
cando a fame ha conformar
na confusión da fartura;

  Entre aforar e aforrar,
enfatiza o fundamento 
fermento con ferradura.

 (Rioderradeiro)


terça-feira, 13 de março de 2012

En revivir süicida.




  
  Baixa, caudal, humillado;

a canle ponlle o visado

de primorosa avenida;

busca abreviar a saída,

posto que vén avisado

onde acadar a caída:



  No mar soterra a bebida

que ha devecer, embargada,

ser chuvia; logo, embriagada,

presta a fraguar outra vida.





  Por revivir enseguida,


o río labrara en vea,


plantara en suco esa idea


de contumaz suicida.





    (Rioderradeiro)

quarta-feira, 7 de março de 2012

Toca á forza afinar, tirar do fío…

          
   Eis espiña a zugar sangue do foxo
da palma onde aferrou franca subela
verde, brava invasión, sen sentinela,
perpetrada na man refén do toxo.
             
  Debullados ramallos e carozos,
os pétalos, chorimas rebuldeiras,
desfalecen, deslocen as toxeiras,
denudan, demudados azos mozos.

 Gota a gota, pingara aquel feitío
de folerpas nutrindo, e vindo a menos,
bafaradas de alento sobre acenos
por se deitar no chan do brando estío.

  Fin da farsa en finxir que somos nenos:
toca á forza afinar, tirar do fío…
da espiña definida, en desafío.

(Rioderradeiro)