quinta-feira, 15 de março de 2012

Fermento con ferradura.


  Entre o sentir e o soñar,
face / envés considerando,
vaise o tempo peiteando
co pente do teu pensar.

  Entre o ter e o trastocar
mazorcas do mesmo saco,
baixa, ás veces por buraco,
fariña sen peneirar.

  Se fornece sinatura,
á forza, encarna fisura,
xarampelo en pensamento;

  Despilfarra o sentimento
cando a fame ha conformar
na confusión da fartura;

  Entre aforar e aforrar,
enfatiza o fundamento 
fermento con ferradura.

 (Rioderradeiro)


terça-feira, 13 de março de 2012

En revivir süicida.




  
  Baixa, caudal, humillado;

a canle ponlle o visado

de primorosa avenida;

busca abreviar a saída,

posto que vén avisado

onde acadar a caída:



  No mar soterra a bebida

que ha devecer, embargada,

ser chuvia; logo, embriagada,

presta a fraguar outra vida.





  Por revivir enseguida,


o río labrara en vea,


plantara en suco esa idea


de contumaz suicida.





    (Rioderradeiro)

quarta-feira, 7 de março de 2012

Toca á forza afinar, tirar do fío…

          
   Eis espiña a zugar sangue do foxo
da palma onde aferrou franca subela
verde, brava invasión, sen sentinela,
perpetrada na man refén do toxo.
             
  Debullados ramallos e carozos,
os pétalos, chorimas rebuldeiras,
desfalecen, deslocen as toxeiras,
denudan, demudados azos mozos.

 Gota a gota, pingara aquel feitío
de folerpas nutrindo, e vindo a menos,
bafaradas de alento sobre acenos
por se deitar no chan do brando estío.

  Fin da farsa en finxir que somos nenos:
toca á forza afinar, tirar do fío…
da espiña definida, en desafío.

(Rioderradeiro)



sábado, 11 de fevereiro de 2012

Para logo, do azul, desenfundala.


  















  Senlleiro remador, tapizas sombra,
vogas, limpo labrar, co mar de cara,
solpor que te prendeu xa non repara
neste teu calcetar tecendo alfombra.

  Senlleiro remador, foxe penumbra
cando asalte traizón, porque tén vara
de castigar sen dó, se te acapara
a refrega final que te deslumbra.

  Meu remador, na tarde deslucida,
en mar maior, por noite desvalida,
vogar co vento en borda é rebentala,

  Meu remador, nos cons atormentala,
a vida a confiscar para afundila,
como espada, no mar; pois afincala

  En pélago, se cadra, é confundila,
para logo, do azul, desenfundala.

 (Rioderradeiro)




quinta-feira, 9 de fevereiro de 2012

que te hei capar co cortante




  Provoca “o mellor amante”
na propaganda abusiva
ofensa ben agresiva
en disfunción importante.

  Pois non deixa alternativa
quen, de forma despectiva,
polo cartaz insultante,
agravia en caritativa...


  Falo que, inflado, levante,
xuro por Zeus, contrincante,
que te hei capar co cortante
dunha barbeira abrasiva.

  Sen barbeito e con secante,
serás vergallo... en cal viva,
eunuco sen perspectiva,
un linguateiro, farsante...

  Cabaleiro delirante,
por activa, e por pasiva.


       (Rioderradeiro)