sábado, 14 de janeiro de 2012

Profunda o sol polo ocaso.


  Cómprelle á luz refulxente  
rebuldar, pulir relato,  
resplandecer con recato,  
sucumbir iridescente.  

  Cómprelle ao sol, de repente,  
pagar, con cargo ao arrebato,  
o prezo do seu zapato  
que encova cont(r)a corrente.  

  A nube que está madura  
do ceo ao mar garda o paso  
de repousar na espesura;  

  De cara e cruz, con fartura,  
depón o Rei, sen factura, 
a ofrenda fiel, sen retraso; 

  Por defraudar tal fracaso,
profunda o Sol polo ocaso 
e pernoita en campa escura;

  Transfire LUZ: nova albura.


              (Rioderradeiro)



quarta-feira, 4 de janeiro de 2012

Un soneto de amor con escalpelo.


  Cando invocas amor, logo respondo,  

coa espada de luz loita proclamo; 


se pronuncias amor, ao teu reclamo, 


co meu raio interior, calo ben fondo. 




  Cando invocas amor, véxome espido 


brindar pola ilusión que arma o pecado; 


se pronuncias amor, coma un soldado, 


desbordo aquel fortín máis espelido. 




  Cando invocas amor, xa me interpelas, 


e decides por min, abres, apelas 


diana ao corazón, franco castelo; 




  Se pronuncias amor, reverdecelo 


é profundar a dor, inflar das velas 


insuflando á paixón máis sarampelo..., 



  Un soneto de amor con escalpelo. 



                                  (Rioderradeiro)


segunda-feira, 2 de janeiro de 2012

Avala o mar da badía...


  Bebeu da fonte sagrada
a balea en pedrería,
perfuma en bruma a valía
da nobreza aquilatada.

  Brinda beleza en varada,
avala o mar da badía,
aprende da baronía,
non se resiste á balada.

  Contra os chuvascos chantado,
contra os salseiros ganzúa,
se por mor do vento brúa,
devén veleiro abrumado:

  Recibe o sol abraiado
MonteLouro , fiel da lúa,.

***


  Bebeu da fonte sagrada
a nobreza aquilatada...

 A balea en pedrería
avala o mar da badía..

  Brinda beleza en varada,

non se resiste á balada...

  Perfila o feito a valía,

aprende da baronía...


        (Rioderradeiro)



quarta-feira, 21 de dezembro de 2011

Hai fisuras na fe para afogalo.

  
A desbocada noria roda en río
Que adoita remexer na propia mente
Convulsionada historia persistente
Reverdecendo chaga en desafío,

Desaforada, enfía o desvarío
Da pena que afincou profundamente,
Un calco reservado ao subconsciente
Da praga descargada en albedrío.

Pon cara ao seu revés; quere curalo;
Reprime, atormentado, revivilo;
Non sabe asulagalo e suprimilo,

Na noria de papel representalo.
Convén, para vencer, desvencellalo,
Desafïarlle o fel, por malferilo.

Faltan folgos e afán para afundilo,
Hai fisuras na fe para afogalo.

(Rioderradeiro)


terça-feira, 20 de dezembro de 2011

Semente de vencer, que vai contigo.



  Caes, tarde; outra vez, cingues perigo
de afogares ao son da marusía;
enxordeces a luz; por ardentía,
ansías incendiar campo inimigo.

  Caes, tarde; en tropel, cargas castigo;
serán, no anoitecer, prende, porfía
na cerrazón de ver tanta manía
cegadora dun sol que vén de antigo.

  Caes, tarde; outra vez, funil de albura
ben propenso a plantar na sepultura
a semente da luz que se resgarda.

  Caes, tarde; en tropel, hoxe, espingarda
apuntando Astro Rei con partitura
dun coro maxistral de anxos da garda.

  Caes, tarde; ás de tres, pozo en poxigo,
semente de vencer, que vai contigo.

               (Rioderradeiro)