segunda-feira, 2 de janeiro de 2012

Avala o mar da badía...


  Bebeu da fonte sagrada
a balea en pedrería,
perfuma en bruma a valía
da nobreza aquilatada.

  Brinda beleza en varada,
avala o mar da badía,
aprende da baronía,
non se resiste á balada.

  Contra os chuvascos chantado,
contra os salseiros ganzúa,
se por mor do vento brúa,
devén veleiro abrumado:

  Recibe o sol abraiado
MonteLouro , fiel da lúa,.

***


  Bebeu da fonte sagrada
a nobreza aquilatada...

 A balea en pedrería
avala o mar da badía..

  Brinda beleza en varada,

non se resiste á balada...

  Perfila o feito a valía,

aprende da baronía...


        (Rioderradeiro)



quarta-feira, 21 de dezembro de 2011

Hai fisuras na fe para afogalo.

  
A desbocada noria roda en río
Que adoita remexer na propia mente
Convulsionada historia persistente
Reverdecendo chaga en desafío,

Desaforada, enfía o desvarío
Da pena que afincou profundamente,
Un calco reservado ao subconsciente
Da praga descargada en albedrío.

Pon cara ao seu revés; quere curalo;
Reprime, atormentado, revivilo;
Non sabe asulagalo e suprimilo,

Na noria de papel representalo.
Convén, para vencer, desvencellalo,
Desafïarlle o fel, por malferilo.

Faltan folgos e afán para afundilo,
Hai fisuras na fe para afogalo.

(Rioderradeiro)


terça-feira, 20 de dezembro de 2011

Semente de vencer, que vai contigo.



  Caes, tarde; outra vez, cingues perigo
de afogares ao son da marusía;
enxordeces a luz; por ardentía,
ansías incendiar campo inimigo.

  Caes, tarde; en tropel, cargas castigo;
serán, no anoitecer, prende, porfía
na cerrazón de ver tanta manía
cegadora dun sol que vén de antigo.

  Caes, tarde; outra vez, funil de albura
ben propenso a plantar na sepultura
a semente da luz que se resgarda.

  Caes, tarde; en tropel, hoxe, espingarda
apuntando Astro Rei con partitura
dun coro maxistral de anxos da garda.

  Caes, tarde; ás de tres, pozo en poxigo,
semente de vencer, que vai contigo.

               (Rioderradeiro)


sábado, 17 de dezembro de 2011

As fronteiras da pel da primavera.


Como desauga o río ao baleirarse,
Así, desangro a vida a toda présa,
Sen reparar que arquiva, e non regresa
Da eternidade onde vai refuxiarse.

Se tempo que estraguei, ¡ai!, retornase
En carne de existir mellor medida,
A causa que servín tan mal servida,
Nesa nova edición máis requintase.

Como caudal de río a veiga arrasa
E non refrea canle nin tempera,
A vida invade, corre, e acelera...

Se tempo que estraguei non desespera,
Á eternidade irei por ver que pasa
Co pente do pracer cando traspasa

As fronteiras da pel da primavera.


(Rioderradeiro)

quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

Tripulantes..!, baixel SANTA MARÍA..!

"...primero del mes de febrero de mil seiscientos y cincuenta (1.650), dirigidos al Señorío de Biscaya, en dicho día había dado dicho navío (SANTA MARÍA) en una roca que se dice de las LES (Lens), una legua poco mas o menos de la dicha villa (de MUROS), en donde dicho navío se deshizo, y de la gente que llevaba se aogaron catorce, salbándose los más. Y saliendo algunos de dichos muertos a tierra acia el puerto que se dice de Ancoradoyro, feligresía de LORO (Louro)... "  (Arquivo parroquial de Muros, folio 24 v., segundo o P. Atanasio López, da O.F.M, de quen transcribo literalmente.)

Archivo:Santa-Maria.jpg
(Réplica SANTA MARÍA, Wikipedia)

  Algo presinte a nave derivando, 
aventureira branca avelaíña,
por desbordar a lei, cando acariña 
a traxedia que o vento anda tramando. 


  Algo presinte a proa procurando 
apouvigar veleiro que apoupiña 
inferno en vendaval, porque aveciña, 
presa do Mar Maior, como empurrando. 


  Alguén pregou -pois quen non pregaría!- 
perseverar nos folgos que o mar traga; 
último adeus no pranto reprimía ...


  Breve estertor dun eco que se apaga; 
LAXE das LENS, desvela sorte aciaga: 
tripulantes..!, baixel SANTA MARÍA..! 

  
   (Rioderradeiro)


(Gaby Casini, artiste peintre: http://casinigaby.blogspot.com/)