quarta-feira, 7 de dezembro de 2011

Selecta, con cana en cala.


Patacas, prebe en pemento,
E probando o pensamento....


De vella dinlle cabala,
Rincha máis cando é pequena,
Danza xarda azul, empena
Colleita con cana en cala.


Trabada a traición embala,
Destra en sinistra encrequena,
Na pel do mar ten condena,
Con brinca en tanza recala.

Tralo corricán, en bala,
Aborda o peirao, acena;
Logo, o pescador serena
A gula que augura en gala.


De vella dinlle cabala,
Rincha máis cando é pequena,
Danza xarda azul, empena
Colleita con cana en cala.



Patacas, prebe en pemento,
E probando o pensamento....


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 25 de novembro de 2011

Vida inmortal das frechas de Cupido.


Se por vencer a morte recordase
A faz feliz do ben máis desexado,
Só por te pretender eu despertase,
Fundamentado en ti, máis renovado.

Se por ventura a rota rematase,
Por camiños de fe reconducido,
Refén de redención que me acompase,
Escravo ficarei máis redimido.

Por que transcenda en nós tanta riqueza,
Rebente o corazón entenrecido,
Desborde eternamente florecido

De sangue afervoado en fortaleza;
Posúe aquel ardor que arma beleza
Vida inmortal das frechas de Cupido.

(Rioderradeiro)



quarta-feira, 23 de novembro de 2011

dá tristeza criminal.



Non debería a postal
beber da cova ardentía,
que a vileza onde avalía
dá tristeza natural.


Quixo esta dor criminal
gozar da triste alegría;
máis tristeza compartía
co pecado orixinal.

Para ben e para mal, 
cravar un cravo na rumba
e implantarlle a voz da tumba
ao corazón como aval.



Non debería a postal
beber da cova ardentía,
que a vileza onde avalía
dá tristeza criminal.


(Rioderradeiro)


(Rioderradeiro)

terça-feira, 22 de novembro de 2011

Conforme co fragor, interferindo.



Proba esta tez do vento, que é ramaxe,
A nube desvelando a mala cara;
Ninguén sabe se empurra ou se dispara
En vaga invertebrada na paisaxe.

Ninguén sabe intención desa oleaxe
Que inflama e medra onde inventara
A chama de fogón cando repara
No lume pedernal doutra liñaxe.

A flama sobrevive derramando,
Por onda discordante derretindo,
A nube a desalmar reconvertindo

Na desleigada voz do vento airando
Que infiel solfa infernal foi transferindo;
Firma fortalecer configurando...

Conforme co fragor, interferindo.

(Rioderradeiro)



Fose miña a túa vida



http://beminvitados.blogspot.com/
Foto: b.s. / Kerala-India.2001
                     

Fose miña a túa vida 
en fértil pel sementada;
fose o tempo esa fornada
no corazón compartida;

fose a carne peneirada
polo matraz, derramada
polo cartaz, derretida;

fose, que fose apurada,
na pedra lar consumada,
con tal fervor consumida;

fose, que fose asumida
como unha flor, conformada,
transmutada, transferida
e noutra pel transportada.


(Rioderradeiro)


,