terça-feira, 22 de novembro de 2011

Fose miña a túa vida



http://beminvitados.blogspot.com/
Foto: b.s. / Kerala-India.2001
                     

Fose miña a túa vida 
en fértil pel sementada;
fose o tempo esa fornada
no corazón compartida;

fose a carne peneirada
polo matraz, derramada
polo cartaz, derretida;

fose, que fose apurada,
na pedra lar consumada,
con tal fervor consumida;

fose, que fose asumida
como unha flor, conformada,
transmutada, transferida
e noutra pel transportada.


(Rioderradeiro)


,

segunda-feira, 31 de outubro de 2011

A cabalgar no azul coma luceiro.



Sentirte así, por mor do mar, na ronda
De Perceval de nave tan senlleira;
Comerlle o corazón sacral á onda
E proseguir labrando a propia leira.

Vivir así, manter raíz ben fonda
Que refugue enfundar fatal fronteira;
Ser rede, e caracol, tea redonda
De tecido afincado en sementeira.

Sentirte así, no ardor, tan combativo;
Manterte así, colmado a corpo enteiro
Referendo outonal correlativo;

Vivir así, máis Miño en máis Cebreiro,
Almirante de alfoz, fiel carcereiro
Do circo da paixón máis abrasivo:

Amor de mar, corcel corporativo
A cabalgar no azul coma luceiro.

(Rioderradeiro)


terça-feira, 25 de outubro de 2011

MontELouro, ¡en farol!, con valentía.


Vento de orballo vén buscando guerra
E recae en rochedo e señorío,
Compromete cartaz de montesío;
Por forza, en convulsión, falando, aterra.

Debruza proa, rebota, persevera,
Abronca, brama, abruma en mar bravío,
Ciscalla escuma, expande labrantío,
Fervorosa e febril, a nave é fera.

¡Milagre!: Un ceo azul torna galante
Co reinado da luz o seu semblante;
Convence ao bergantín, que xa velea

-Puro compás- prudente, a por badía,
Abeirar de babor: Pule a marea
MonteLouro, ¡en farol!, con valentía.


(Rioderradeiro) 

segunda-feira, 10 de outubro de 2011

Das velas, do vaivén..., da bota/dura.



  Pois a vida albiscou, involucrada,
relato ao pé da letra tan cumprido;
pois caínzos no carro, en apelido,
pola carta cabal, vela inflamada.


  Quen soñara vivir vida inventada
en clave de labranza, e de aventura,
suliñou navegar, pór singradura
trala prenda de amor inveterada.


  Ter facenda e muller e catro fillos
con fogaza de pan en cada brazo,
e un septeto de netos no regazo...,
e a carón da lareira, os acubillos.


  Tempo teceu temperos e sarillos;
o vento derramou froita madura:

  cobrou, de corazón, na calentura
das velas, do vaivén..., da bota/dura.

   (Rioderradeiro)


quarta-feira, 5 de outubro de 2011

Pola pel da paixón…, coma inimigo.

  
Sabes, amor, contigo, amar agora
É dicirlle ao reloxo que entreteña
O tempo da impaciencia que se empeña
En triturar o día e maila hora.

Sabes, amor, abeiro na memoria,
Que é lumeiro sen fume e fan da leña,
Alimenta a paixón pra que reteña
E retrase o final da nosa historia.

Sabes, amor, quixen bailar contigo
Unha danza de eterno namorado;
Nunca puiden saber por que, encelado,

Tenta Crono de ser fatal testigo:
Foxe a vida sen pausa, en plan castigo;
Pois o tempo pasa, coma empurrado,

Pola pel da paixón…, coma inimigo.

(Rioderradeiro)