segunda-feira, 4 de julho de 2011

.- Sete vidas -que ben!-: Vaia soborno !

  
  Porque te cómpre, gata, un bo goberno,
en xaneiras, felina, fas gatada;
pois forneces ao lar esa fornada
do teu soño feudal maino e materno.

  Porque te cómpre, gata, tempo eterno,
sete vidas gatunas dan puntada
sete veces, a rato a temporada,
por fraccións de segundo en sempiterno.

  Se te acollo, entre as mans, e te contorno
en berce maternal, saliento, adorno
semente a florecer, en carne viva...;

  Se te arroupo e te vas, libre e cativa,
Gatomaquia dun tempo sen retorno,
amorosa, brava, galante, esquiva...;

  Sete vidas -que ben!-: Vaia soborno !
 

       (Rioderradeiro)


sábado, 2 de julho de 2011

- Feituqueira de seu, da especie humana...



  Feituqueira, disque, no azul espida
e na vaga maior nave en verea,
polo lombo do mar vindo abducida
entre ourixos e cantos de serea.

  Feituqueira, disque, vaga espelida
do mallante que arrola onda en cadea
e na rada do alfoz pousa a belida
co carrusel triunfante da marea.

  Veleira, garda o verso sen tardanza.
Quen requintou o ritmo e  maila rima?
Veleira, pole estrofa onde agarima.

  Quen lle crebou timón á soberana?
A dorna funda en quilla outra mudanza.
Quen lle ha negar máis pan á máis galana?

  Feituqueira no mar, bela en tarima:
Feituqueira de seu, da especie humana...

            (Rioderradeiro)


quinta-feira, 30 de junho de 2011

De popa a proa, abrazando bandeira.


  Anda o lecer enrolado en divisa,
gallardo en hasta alzada armando vela,
marcha marcial o mastro que revela
devezo de corcel, branca sonrisa.

  Anda a inflamar velame a doce brisa;
mete en cintura ao vento con cautela;
logra pasar ergueita a pasarela,
no escaparate andel, na hora precisa.

  A frecha aquela que en azul porfía,
o sulco aquel que procura ribeira,
en múltiples aneis -vaga roleira-,

  Vagancias estivais por regalía…,
campa á pracer,  lizgairo pola ría:
Cabalgas, corazón, nave senlleira,

  De popa a proa, abrazando bandeira.


                      (Rioderradeiro)


terça-feira, 28 de junho de 2011

Ardente, así, na flor da floritura,



Ardente, así, na flor da floritura,
Pola clave de sol do veraneo,
A bóla de alcanfor pule himeneo,
Flamante en resplandor de singladura.

Potente, así, na luz de excelsa altura,
Órbita cenital de impar paseo,
Na moeda estelar colmada leo,
Concordantes no altar, xenio e figura.

Ardente, así, por canle que entrevera;
Potente, así, por sangue que se altera,
Inflada, así, en sazón, fragancia apura,

Bela flor de serán -vella envoltura-,
O nectar estival que desespera
Por berce maternal, que é sepultura.


(Rioderradeiro)


sábado, 25 de junho de 2011

A ofrenda en combustión cando alucina.

    (Rioderradeiro)

  Chega o verán: calor que desespera
neste tramo inicial de vella andanza.
Xuño estoupou: consumouse a mudanza
de recargar con sol máis primavera.

  Chega o verán: delirio que xa impera
de abrente ata serán; nova esperanza,
encarnando ouropel e contradanza,
alanca a treu no tren dunha quimera.

  Chega o verán: un tempo que vacina
a condición humana de incerteza;
Xuño é viral: no matraz da impureza,

  Probar de corazón a medicina…
por ti, verán!, rebentarlle a nobreza
á ofrenda en combustión cando alucina.



 (Rioderradeiro)


(Rioderradeiro)