segunda-feira, 18 de abril de 2011

Da parca, o Vendaval fai bandeiría.




  Don Vendaval cabalga en descampado
incorrupta paixón, coito interrupto,
cabaleiro voraz polo exabrupto
a cabalo do vento vén montado.

  Don Vendaval galopa aqueloutrado,
disoluto de seu, dono absoluto,
cabaleiro ladrón, feudal tributo
multiplica por mil; cobra ao contado.

  Baixo sombra abismal que infecta espera,
o balandro envaiñado na badía
agoniza en mallante da marea;

  Contributo ancestral á primavera,
o raio transparente en marusía
pinta enloitada parca sobre area:

  Da parca, o Vendaval fai bandeiría.

          
           (Rioderradeiro)



sábado, 9 de abril de 2011

- Todos no meu baixel…, proa á lembranza!



  Ai da pena ancestral que me repasa
e que me abre en canal e rompe en río!,
ai da empedrada dor do meu baldío
baleirando caudal que me rebasa!


  Ai, linda pedra lar, e berce..., e casa,
cordón umbilical e largacío!;
ai da mente en alerta a, decotío,
degraer, denudar alma na brasa..!

  Atávico sentir, culto de ausencia, 

proído en corazón, bela apetencia,
ai caracol!, perseguindo esperanza...



  Por capital, timón, mastro..., e mudanza,
reverdecente fe, brava impaciencia:
todos no meu baixel…, proa á lembranza!



         (Rioderradeiro)


quarta-feira, 30 de março de 2011

Feneces, corazón, porque te encovas.

  
  Abur, meu corazón; pasas de esguello
pola peneira azul que te acubilla.
Adeus, miña razón, nave sen quilla
a mercé dun vaivén bravo no espello.                                      
                                        
  Abur, meu corazón, cinza en nobelo
coma ronsel do sol cando ensarilla.
Adeus, miña razón, luz que partilla
unha acendrada estirpe de escalpelo.



  Adeus das ilusións, brisas perdidas;
o gran pintor só pintou para alcobas
do velame do aquén velas cumpridas.



  Abur, miña razón, polas feridas
do ritual solar non te renovas:
feneces, corazón, porque te encovas...

  Por xermolar, talvez, en novas vidas.


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 18 de março de 2011

- E ceba, na espingarda, outra pirueta.


  Imponderable en ripios, o poema,
por fermentar nas tripas, amontoa
sen consultar co vento que a coroa
da inspiración insoportable aprema.

  Insobornable insuflador da flema,
procura ese oco de enquistar a loa
na inefable bocana onde empadroa
a voz irrefrenable do enfisema.

  Contas do capitán, por simpatía,
depón o noso bate dous cuartetos
á brava -anda sobrado de enerxía-;

  Respira, espadachín, preme espoleta
e perpetra, a florete, os dous tercetos
no SONETO floral da poesía…


  E ceba, na espingarda, outra pirueta.


                 (Rioderradeiro)


terça-feira, 8 de março de 2011

CARTUCHO anxelical que se inflamara.

  
  Albura sen igual, inmaculada,
loces carne mortal, ouro en patena,
a flama que se inflama e se refrena
no cáliz da paixón engaiolada.

  Albergas na prisión tan resignada,
o mastro ergueito, a brisa burla antena;
reflictes na brancura a faz da pena
da verga en vertical desenvaiñada.

  Como lle has apagar tanta quentura
se bebes sede ardente da secura?
Cobizas consumar a cruz ou cara,
pretendes perpetrar envergadura...

  Involucrando LIRIO en desventura.
Endexamais tal fame se fartara:

  CARTUCHO anxelical que se inflamara.

          (Rioderradeiro)