segunda-feira, 26 de julho de 2010

Feliz serei na fe do teu regalo.












  Como hei facer para falar contigo
sen profanar ese sacro silencio,
outorgar ao meu soño o privilexio
de te achegar a conversar comigo.


 Como chegar a ti, por cal camiño,
sen frases, sen palabras, sen contextos,
sen transformar nos meus os teus desexos
de me acochares cos teus brazos vivos,


  De mil cantares, que mellor regazo!,
de endexamais espertar desa infancia,
de me apertar no tempo máis prezado…


  Felicidade en ti, que nobre causa!,
felicidade, NAI, verde esperanza:
feliz serei na fe do teu regalo.

(Rioderradeiro)

terça-feira, 20 de julho de 2010

un NÓS: ti, MAR; eu, VENTO...


  
  Ou!, deleitoso arpón, crúa agonía,
cruel pracer cravado na consciencia,
ou!, amor, que, en agromando, alberga
no celme do seu ser punxente espiña…

  Discordante “iin/iang”, pugna intestina,
permanente loitar nunha alma inqueda,
contradictorio amor, doce cadea,
compañeira voraz: dicotomía…

  Atesourar amor a bon recado
require conformar, mudo e secreto,
na gaiola dourada o meu dueto;

  Logo, a cantar feliz e confiado
cantos de vida plena, por momentos,
e fenecer, e sentirse abrazados

  Ti e mais eu, nun NÓS: ti,  MAR; eu, VENTO…


(Rioderradeiro)


domingo, 18 de julho de 2010

Goteiras de soportal.


  Croca de galo capado
no quepis dun capitán;
pedigree certificado,
o carimbo empoleirado
apadriña xeneral…

  Na testa do toleirán
acubilla, e devanea,
un firmamento de area;
e, baixo palio, en morea,
cortexo de carnaval...

  No campo competencial,
procesionando, capea,
en recargar se recrea,
almirante e caporal,
pola tolemia en cadea...

  Que, do secaño ao naval,
o bo fidalgo abanea:
goteiras de soportal.


          (Rioderradeiro)




sexta-feira, 16 de julho de 2010

Delegando no credo e mais no crego.





  Pois o serán me abafa e me aniquila,
non mingua a miña dor a madrugada;
o volcán do meu peito non se apaga
con mil palabras de millenta sílabas.

  Cada solpor, eu morro coma o día;
cada afogar a luz, deveño en nada;
por ilusión, vivo vida prestada;
por ilusión, quero soñar vivila.

  Non me sentín nacer nin me pregunto
se é lícito indagar neste misterio
con candidez de neno nun adulto.

  O corazón, que é brando, e rebuldeiro,
ponlle unha vela ao santo, outra ao santeiro;
préndelle lume, e lisca deste asunto…


  Delegando no credo e mais no crego.


(Riaderradeiro)



segunda-feira, 12 de julho de 2010

Abenzóeme as barbadas.


Permítame o da sotana,
Se non lle ofende o pedido:
Reclámame un bo cocido,
E puxen lume ao rustrido
Dun prebe pra seis barbadas...

A licencia hai que pagala:
Asubíalle ao morcego,
Tapa as orellas dun cego,
Tira do teu tarabelo,
Recibe as cen puñaladas...

¡Paso aberto ao peregrino..!
Padre,
Abenzoe a caldeirada.