segunda-feira, 1 de dezembro de 2008

COMO A GAIVOTA MARISCA.






Farangullas do pastel,

Lingua de sapo cocida,

O pensamento valquiria

Escriturado a granel

Desenvolve o seu papel,

Discorre, busca a saída,

Pregunta pola ferida,

Polos muxos no mantel,

Polo peirao, por ver

Como a gaivota marisca,

Como o corbo fai de harpista

Desde Celeiro a Viveiro,

Desde Viveiro a Celeiro,

Desde o solpor ao mencer,

Agasallos do lecer…

NOS OLLOS DOS XABARÍNS.






Edificante chistera,

Meditación con reprís,

Lugar de paz e de pis

Sobre Ocurrencia banqueira,

Liberalismo á primeira,

Bon regalo, ou regaliz,

Agasallo pro nariz,

Pro o nariz e pra peneira,

O froito da sementeira,

Ao abeiro dos cantís,

Con rede en malla ficheira.



¡Malpocada é a perdiz

Se inda chora e lagrimea

Nos ollos dos xabaríns!

O SAN BERNARDO.






Por un pelo, o Impertinente

Non che agarra un resfriado,

Librouse del por honrado,

Por ser tan intelixente,

Por cumprido e por gallardo

Por tan pulido e valente,

Por ter a carie dun dente

A saldar nun anticuario.

Hai quen di que o maxistrado

Vai subastar, co birrete,

Un bo xarope de serpe

Que asfixia o peor catarro.

¡TUNEAR A ECONOMÍA!




_________________________

Oración atributiva,

atribución copular,

¡copular!, COPULAtiva,

predicado nominal,

nómina do capital,

¡capital..!, ¡capitanía..!,

¡eFUSIÓN da BANCARÍA!,

bancaria caixa caudal,

causa, raíz infernal,

inferno máis bruxería,

velatorio a trinta días,

diagrama en perspectiva,

perspectiva bianular,

anulación transversal,

transversalidade ambigua,

ambigüidade crucial,

CRUZada de crucería

crucifixión e agonía,

agónico cuadricular

cun baile por bulerías

dos buleiros liberais:

¡TUNEAR A ECONOMÍA..!

__________________

TRAVESÍA GAITEIRA._______________




Navegha con Chisdasvinto

A capitana lughesa;

Leva espantallo no bico,

Allos leva na peneira

De peneirar os carrizos

Desde Viveiro a Fisterra.

Disque leva un San Benito,

Disque leva, disque leva…

Un veleno viperino

De envelenar as culebras.

Seica, en cheghando ao Obelisco,

Na Coruña PITAñeira,

Ha cantar unha regheifa

Contrastada co marisco

Na travesía ghaiteira.

____________________