segunda-feira, 1 de dezembro de 2008
VOOS SECRETOS DA CÍA.
Aterraron peregrinos:
Caxato, cuncha, sombreiro,
Escravina de romeiro,
Longas barbas do camiño…
Pregaron no presbiterio;
Para congraciar co clero,
Bicaron mans do cabido;
Recolleron pergamiño,
Resgardaron o segredo;
-Palabra de sacramento-
Liscaron agradecidos
-Moito sixilo e silencio-,
Con rumbos descoñecidos;
Remontaron ben ao ceo
Para gozar do divino,
Para lles pelar o pelo,
Para lles pulir o estilo,
Para enguedellar o fío,
Para dar pulo ao misterio,
Quixeron pagar o empeño
De rebelarse, insumisos,
Malinterpretando un credo.
Bush, ASnar JOSÉ MARÍA,
VOOS SECRETOS DA CÍA:
Pór na picota ao Imperio,
Ir a por a gasolina…
FUMAROLAS DE ULTRATUMBA.
O sol apadriña a escena,
Sementeira da brancura,
Todo empurra e todo apura,
Todo o solar transfigura
O caudal da súa presencia.
Despertar Lápiz da ausencia,
Encrequenar a estructura,
Feligranas da cintura,
Choutar da artesa á lareira,
Requintar na brincadeira,
Aproveitando a quentura,
Fumegar na parrumeira,
Acadar Salas altura,
Ennobrecer na figura,
Madurecer na figueira,
Voar, paxaro sen pluma,
Onde habite a mala herba,
Ao cartaz da mala uva
Que ao dar no aire envenena
A ingravidez da gravura…
………………………………
¡Ou, CIDADE da in/CULTURA,
Mausoleo da peneira!
¡Ou, gran pirámide emblema,
Fumarola de ultratumba!
CORTELLO DE TRANSPARENCIAS.
¡Volta a tirar da cadea!
Recluírase a pensar
Baixo un sombreiro de estrelas,
Incrustado na cadeira
Sobre o trono circular,
Falou palabra certeira.
Non se vira cousa igual,
Acaída, pendular,
Sementar da sementeira,
Polo furado da rella,
Unha tras outra, en fileira,
Na piscina comunal,
A semente á vertical,
Nada, mergulla, surfea,
Discurre pola marea…
Conxugación do cagar:
¡Volta a tirar da cadea!
domingo, 30 de novembro de 2008
Subscrever:
Mensagens (Atom)