quarta-feira, 5 de novembro de 2008

O LIBRO.




O MEU LIBRO.

__________________


  Un libro,

tiña un libro,

tiña un libro branco,

tiña un libro branco nas mans,

tiña un libro branco nestas miñas lectoras, 

nestas esfameadas, sedentas mans de TI:





  E no comenzo era, foi tan só, o verbo e a pequena

recompensa das miradas;

viñeron os achádegos e as sorprendentes conquistas,

a marabilla das descubertas,

para logo daren pasos multiplicadores, ao abeiro

da tenrura dos bicos,

para acadaren os máis altos cimos de tódolos

sabores da memoria,

viaxeira interplanetaria das mans, destas miñas mans,

deste meu tacto enteiro, consagrado a TI,

a navegar con degoiro polos intersticios da xeografía,

sen lindes, da túa alma

doce , do meu libro pleno,

ofrenda túa, neste mar, océano aberto que tén nome,

arestora, de nai, e de avoa,

meu amor!, 


  Coa súa portada e contraportada, 

co seu limiar,

coa súa trama, co seu argumento pleno,

co seu desenrolo en vivo e en directo,

co seu epílogo en curso no discurso…


  E todo, sen sabelo, estaba potencialmente aquí, 

todo predestinado, adicado a min.

Tiña o meu libro branco nestas miñas lectoras,

mariñeiras, labregas mans de terra,

de barro a se moldear a si mesmas.




  Tiña o libro branco branco nas mans.


tiña o libro branco,

tiña o libro,

o libro..!



  Todo!

Todo!..., para a eternidade,

conformado, firmado e confirmado á medida

do meu sempre difícil querer,


  a ti, meu sempiterno amor!


  (Rioderradeiro)

QUE ME DOE O EFÍMERO

Foto de Reyes Benoit.
(Foto de Reyes Benoit)

  Que me doe o efímero:

a beleza sen par,
o presente de amar,
o adeus dun amigo.


  Que me doe o efímero,
que sempre vai comigo.



  Que me doe o efímero
das cousas de deixar,
levadas sen pensar,
pecharse en puro olvido.


  Que me doe o efímero,
que sempre vai comigo.



  Que me doe o efímero
de cada namorar,
de cada despertar,
de cada estar contigo.


  Que me doe o efímero,
que me doe o efímero...

  que sempre vai comigo,
que sempre vai comigo..!



    (Rioderradeiro, anos 90)

Foto de Reyes Benoit.
(Foto de Reyes Benoit)

O PEREGRINO.





O PEREGRINO.
(No alpendre de Sales)
______________________


Era un señor moi barbado
con pintas de peregrino:
Cuncha, escravina, caxato,
botas de andar mil camiños.

Chamáronlle Mariano,
non por mandado divino,
senón por que o bautizado
promocionase o marisco.

E cando nesas estábamos
-xa un bo tempo transcurrido-,
abrindo as portas o ano,
terémolo aquí, dun brinco...,

da man do Lapizferoz,
do Miranda e do mal "Timo",
do pirómano Nerón
e dun aresano olívico.

Estes cinco rumorosos,
coma cadelos nun bingo,
ládranlle á lúa, rabiosos,
no latricar, confundidos.

___________________________

ZAPLANA EN BOLSA.



ZAPLANA EN BOLSA.
----------------------------------



Por maxia do Pizarrón,
beben os ventos do euro
as neuronas de Rajoy,
-antes toxal ou barbeito-,
ricaz multiplicador
do meigallo financeiro
liberal conservador...
Que unha veliña ao diaño,
non fai dano.

Saltan, bincan na ruada,
COPE, Ximénez Losantos,
Anxo Acebes, ¡Esperanza..!
-Tamén chouta o Mariano-.
¡Cotiza en bolsa Zaplana!,
taumaturgo do ladrillo
na Costa Mediterránea...
Que unha veliña ao diaño,
non fai dano.

_________________________________

ENTRONIZAZACIÓN DE “PIZARRO”.




ENTRONIZAZACIÓN DE “PIZARRO”.
(Á volta do Perú, onde fixo fortuna
coa espada de ENDESA).
_______________________


Para achádego mellor,
O de don Manuel Pizarro,
Merlo Branco do PePé,
Insomnio de Pepe Branco.

Ese xentil cabaleiro,
Burocrático empresario,
Trae o ouro do Perú
Nas doas do seu rosario.

Nunca meirande virtude,
Guieiro do Mariano,
Embarcou tan de improviso
Nas follas do calendario.

Pero xa estamos na feira:
Cómpre vender ben, cos allos,
O peixe das ilusións
Nese papel de regalo.

Desde a FAES a Vidal,
De Fedeghico aos de Franco
-Salvando bizantinismos-,
É un bicarlle a man ao santo.

Aberta, pois, a campaña
Nos presbiterios mediánticos,
COPE aposta ao natural;
PRISA remenda os Zapatos.

Por quen non temos padriños
-O rezar nunca é pecado-,
¡Coitados!, ¡reza por nós
Para as calendas de marzo!

_______________________________