domingo, 26 de fevereiro de 2023

Santo remedio asasino!




Brava punción enrabecha

o meu corpo asilvestrado,

o meu sangue ensarillado

pola paixón dunha mecha.



Abriu Cupido unha brecha

colosal no meu costado,

corazón convulsionado

destinatario da frecha.



Como o diaño é ferino

e chanta os dentes decote,

cumpre atizarlle garrote

de desdentar ao ladino.



Pois é estilete intestino,

rematoo con estrambote:



Santo remedio asasino!






(Rioderradeiro)



sábado, 25 de fevereiro de 2023

CUMPRES, COMO CUMPRE Á FLOR

Cumpres, como cumpre á flor

perfumar cando é preciso.

Dache o corazón permiso

para desprender amor:

perfume de paraíso.



(Rioderradeiro)


quarta-feira, 28 de dezembro de 2022

- A Maruxa Silva García, benquerida curmá, IN MEMORIAM

   



  Partiu, cal tiña vivido,

sen perseguir a riqueza,

sen agardar regalía

dun Edén, dunha Utopía,

consontes co ser nacido.


  Non sublimou a pobreza

nin a vestiu de enteireza,

coma ideal de partido.

Si, profesou a nobreza

de se abrazar co oprimido.


  Non traizoou, non roubou,

non se humillou, non parou

-tivo esa cabal certeza,

fundamental fortaleza-

de loitar coma é debido:


  MARUXA SILVA, firmeza!, 

o teu valor preferido.


    (Rioderradeiro)

segunda-feira, 16 de maio de 2022

Do corazón dolorido.

       


 Do corazón dolorido.

*******************
A vaga rouba da area
o corazón debuxado,
o cozón traspasado,
de socate transplantado
no peito dunha serea,
pola frecha de Cupido.
No peito dunha serea
sen patria, sen apelido,
sen pe(n)sar no percorrido
dese ir e vir que solfea
no balbordo da marea
o corazón dolorido.
O corazón transferido
pola frecha de Cupido..!
(Rioderradeiro)



terça-feira, 20 de abril de 2021

Sae ao campo Xesús, dunha alancada,





Sae ao campo Xesús, dunha alancada,
cobizoso febril da fermosura,
adiviña á torcaz na arquitectura
da floresta, do río, da quebrada.
Sae ao campo, empurrando a madrugada,
o Fidalgo, sen galgo e sen montura,
atravesa regatos na espesura,
cazador sen carcás, sen espingarda.
Vén do campo; regresa, presumido,
ateigado de luz, de ecoloxía,
coa flor máis pequena e máis prezada
prendida do pincel da regalía.
O pertinaz do Suso anda metido
en replantar na Corte a Fonsagrada,
que é susbstrato mental, limpa pegada.
(Rioderradeiro)